A Coruña acollerá en novembro o Congreso de Afaco polo seu 30 aniversario

ACoruñaXa
A directora da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer da Coruña reuniuse coa delegada da Xunta na Coruña
alzheimer-corunha
21 Mar 2025

A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer da Coruña (Afaco) celebrará os días 27 e 28 de novembro un congreso especial co gallo do seu 30 aniversario. O evento reunirá na cidade destacados expertos do ámbito sociosanitario para abordar os avances no coñecemento e tratamento desta enfermidade.

A directora de Afaco, Elisa Catoira, reuniuse coa delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, para presentarlle os principais proxectos da entidade nos vindeiros meses, incluído este congreso conmemorativo. A representante do Goberno autonómico puxo en valor a traxectoria de Afaco e agradeceu o seu labor na atención ás persoas afectadas polo alzhéimer e ás súas familias.

A Xunta reafirmou o seu compromiso coa entidade, que recibe case 162.000 euros da Consellería de Política Social para o mantemento de 35 prazas no centro de día do Barrio das Flores, así como para o servizo de transporte dos usuarios dentro da cidade. Belén do Campo destacou a importancia da colaboración institucional para garantir a continuidade das iniciativas de apoio a pacientes e familiares.

⚙ Configurar cookies
0.29702591896057