A Coruña acollerá do 17 ao 20 de xullo a 24ª edición do Festival Manicómicos

ACoruñaXa
A iniciativa, impulsada pola Asociación Cultural Manicómicos co apoio do Concello, ofrecerá teatro e circo en diferentes espazos da cidade e culminará cunha gala final en Santa Margarida
Festival-Manicómicos-2024
15 Jul 2025

A cidade da Coruña será o escenario, do 17 ao 20 de xullo, da edición número 24 do Festival Manicómicos, unha cita cultural consolidada que levará ás rúas unha coidada programación de espectáculos teatrais e circenses dirixidos a todos os públicos.

Tal e como destacou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, “desde o Goberno de Inés Rey apostamos por iniciativas con experiencia e percorrido que dinamizan a nosa cidade estes meses de verán”.

O programa de Manicómicos inclúe doce espectáculos de acceso libre e gratuíto que se celebrarán en diferentes espazos da cidade como o paseo das Pontes, o Campo da Leña, a praza das Conchiñas, a praza de Pablo Iglesias ou a Casa das Ciencias. Como broche final, o domingo 20 de xullo terá lugar a gran gala de clausura no anfiteatro do parque de Santa Margarida.

A organización corre a cargo da Asociación Cultural Manicómicos, entidade nacida na Coruña en xaneiro de 2004 por iniciativa dun grupo de persoas con experiencia diversa nas artes escénicas, unidas polo interese común de investigar, estudar e difundir as artes escénicas e a comedia.

Entre os seus obxectivos figuran tanto a organización de cursos formativos dirixidos aos seus asociados e á cidadanía en xeral, como a celebración deste festival anual de teatro cómico, que permite achegar á cidade tanto a novos artistas galegos como a figuras recoñecidas do panorama internacional, que tamén imparten cursos durante o evento.

A cita está considerada como un aperitivo perfecto previo ás festas de María Pita, destacando pola súa combinación de espectáculos de alto nivel internacional e polo seu apoio incondicional ao circo galego. Unha programación que, un ano máis, conta co respaldo e colaboración do Concello da Coruña.

PROGRAMACIÓN COMPLETA DO FESTIVAL MANICÓMICOS

⚙ Configurar cookies
0.16251301765442