A Coruña acollerá a VII Conferencia Estatal da Cultura no Centro Ágora

A Coruña será a sede da sétima edición da Conferencia Estatal da Cultura, que se celebrará os días 15 e 16 de decembro no Centro Ágora e que prevé reunir na cidade a máis de 100 profesionais de diferentes ámbitos do sector cultural, xunto con representantes de institucións, entidades e empresas, tanto públicas como privadas. A convocatoria chega baixo o lema ‘Derechos culturales. Desafíos de una gestión cultural comprometida’ e preséntase como un espazo de encontro para analizar o momento actual da xestión cultural e o papel dos dereitos culturais nas políticas e nos proxectos do sector.
O evento está organizado pola Federación Estatal de Asociaciones de Profesionales de la Gestión Cultural (FEAGC) en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, e conta co financiamento e apoio da Dirección Xeral de Dereitos Culturais do Ministerio de Cultura e do Concello da Coruña.
A programación abrirase o luns 15 coa acreditación das persoas asistentes ás 11.00 horas e, xa ao mediodía, coa benvida institucional, na que está prevista a participación da alcaldesa, Inés Rey, xunto con responsables de FEAGC e da entidade galega, ademais de Benito Burgos, subdirector xeral de Cooperación Cultural coas Comunidades Autónomas. Ese mesmo día terá lugar tamén o diálogo inaugural arredor dos dereitos culturais, no que intervirán Jaron Rowan e o propio Benito Burgos.
Ao longo das dúas xornadas desenvolveranse intervencións e mesas de debate centradas en distintos retos do sector, e presentarase o proceso para impulsar a Carta de Dereitos Culturais da Coruña. Desde o Goberno local, o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, reafirmou a vontade municipal de manter unha liña de apoio á cultura e á defensa dos dereitos das persoas creadoras.
A asistencia á conferencia é de balde, con inscrición previa, e o horario xeral das sesións é o luns 15 de 12.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas, e o martes 16 de 10.00 a 14.00 horas.