A Coruña acollerá a terceira batalla de bandas para o Flores Rock

ACoruñaXa
Unha iniciativa para dar visibilidade a grupos locais emerxentes e fomentar a cultura musical da cidade
corunha-flores
16 Mar 2025

O Concello da Coruña e a Plataforma Veciñal do Barrio das Flores convocan a terceira edición da batalla de bandas do Flores Rock, unha iniciativa que busca ofrecer visibilidade a grupos locais emerxentes e fomentar a cultura musical da cidade. As bandas gañadoras terán a oportunidade de actuar no festival Flores Rock 2025, que se celebrará os días 5 e 6 de setembro.

O concurso terá lugar o 1 de maio na praza do Sol Nacente do Barrio das Flores e contará con dous premios. A banda gañadora gravará un EP para lanzar a súa música ao mercado, mentres que a finalista obterá a gravación dun videoclip dun tema orixinal. Ambas formacións serán parte do cartel do festival.

As bandas interesadas poden inscribirse ata o 10 de abril enviando a súa solicitude ao correo batallabandasfr@gmail.com. Para participar, deberán achegar dous temas orixinais en formato mp3, ogg ou ima e dispoñer dun repertorio de directo con, polo menos, un 70 % de composicións propias e unha duración mínima de 50 minutos. As bases completas e o formulario de inscrición están dispoñibles na web de Cultura do Concello da Coruña.

Poden participar formacións ou solistas maiores de 18 anos ou menores con autorización legal, cun estilo musical dentro do rock ou do metal en calquera das súas variantes, desde o folk rock ata o hardcore ou o black metal.

O concurso contará con dúas fases. Na primeira, un xurado composto polos organizadores do Flores Rock seleccionará oito bandas finalistas, que serán anunciadas o 11 de abril a través das redes sociais. Na segunda fase, as formacións escollidas actuarán en directo o 1 de maio, cunha presentación de 25 minutos na que se admitirán ata dúas versións de temas alleos.

O xurado que avaliará as actuacións estará formado por cinco membros, entre eles un representante do IMCE, un promotor musical dunha sala da cidade, un representante dun estudo de gravación, un experto en produción audiovisual e un especialista designado pola organización.

⚙ Configurar cookies
0.139408826828