A Coruña acollerá a presentación de 'La familia de las curanderas', nova obra da colección Literatura Accesible

A Biblioteca do Ágora será o escenario, o vindeiro xoves 11 de decembro ás 19.30 horas, da presentación de 'La familia de las curanderas', a nova adaptación da exitosa novela 'A saga das curandeiras', escrita por Marisa Castro e publicada en 2022. O volume convértese no segundo título da colección Literatura Accesible de Hércules de Edicións, iniciada en 2024 coa obra Palabras de pedra.
Na presentación participarán Marisa Castro, autora da obra; Cristina Sola, responsable da adaptación; e Laura Rodríguez, editora.
O proxecto, orientado a garantir que a lectura resulte comprensible para todo tipo de públicos, contou coa participación do Laboratorio del lenguaje accesible (LLAC), dirixido pola experta Cristina Sola e polos lectores que validan cada fase do proceso, configurando unha adaptación colaborativa en castelán. A versión en galego correu a cargo de Jesús Meiriño, da Universidade de Vigo, institución que dispón dun equipo especializado en materiais de lectura fácil.
Hércules de Edicións destaca que esta iniciativa reforza o seu compromiso cunha literatura inclusiva que fomente o respecto pola diversidade e amplíe o acceso á cultura. O proxecto contou co apoio da Xunta de Galicia, que salienta a relevancia de desenvolver ferramentas que faciliten a comprensión lectora en toda a comunidade.