A Coruña acollerá a II Carreira solidaria Costa Ártabra o domingo 21 de abril
Este luns presentouse na Coruña a II Carreira solidaria Costa Ártabra, que organizan o Comité Antisida da Coruña (CASCO) e a ONG de Oleiros Box Fit coa colaboración do Concello. No acto, celebrado no Pazo de María Pita, estivo presente a concelleira responsable da Área de Benestar Social, Yoya Neira, que estivo acompañada polo concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez; a concelleira de Deportes de Oleiros, Teresa Vázquez e o xefe do servizo provincial de Deportes da Coruña, Roberto García.
A carreira, que se realizará o día 21 de abril, terá dous percorridos: un de dez quilómetros no que as persoas participantes sairán ás 9.30 horas da rúa Meixón Frío, en Oleiros, atravesará a ponte da Pasaxe e chegará pola avenida do Exército ata O Parrote. O segundo percorrido será dunha milla que sairá ás 11.30 horas do Parrote e transcorrerá pola Dársena. Nesta última poderán participar persoas nadas entre os anos 2007 e 2014.
A concelleira de Benestar Social animou á participación nesta carreira solidaria e inclusiva na que poderán participar atletas con discapacidade e que está promovida polo Goberno de Inés Rey. "Esperamos que moitas persoas se animen a correr por unha boa causa, como son as actividades de deporte inclusivo que organiza CASCO coa intención de que sexan unha ferramenta máis de integración e de respecto á igualdade e a diversidade", sinalou.
As inscricións están abertas en liña ata o mércores 17 de abril ás 23.59 horas ou ata que se esgoten os 1.500 dorsais dispoñibles. Haberá autobuses lanzadeira para trasladar as persoas corredoras desde Entrexardíns ata o Castelo de Santa Cruz a partir das 8.00 da mañá do día 21. A información sobre o horario concreto enviaráselles por correo electrónico ás persoas rexistradas na carreira.
Existe tamén a posibilidade de adquirir un dorsal solidario para quen, sen participar na carreira, queira realizar unha contribución económica para colaborar coas actividades de deporte inclusivo de persoas vulnerables e/ou enfermas de VIH que realizan CASCO e Box Fit. Toda a información da carreira está dispoñible na web municipal ou na de Carreiras Galegas.