A Coruña acolle unha xornada de ‘A Administración cerca de ti’ dirixida á Fundación Secretariado Gitano

O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, inaugurou hoxe unha xornada do programa 'A Administración cerca de ti' na sede da Fundación Secretariado Gitano (FSG). Trátase dun proxecto piloto do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática, en colaboración coa FSG, que pretende reducir as barreiras de acceso aos servizos públicos para as persoas e colectivos con maiores dificultades.
Durante a sesión impartíuse formación en administración dixital, sistemas de identificación e aplicacións electrónicas ao persoal da FSG, co obxectivo de mellorar a atención e o acompañamento ao colectivo xitano. Abalde salientou que 'unha Administración moderna debe ser tamén humana e sensible coas realidades máis complexas' e subliñou que a colaboración coa FSG 'reforza o compromiso do Goberno coa igualdade de oportunidades e coa loita contra a exclusión social'.
Na xornada participou persoal de Asuntos Xurídicos, Rexistro e Informática da Subdelegación do Goberno, xunto con representantes do Instituto Nacional da Seguridade Social, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e o Servizo Público de Emprego Estatal. A Coruña é unha das oito localidades elixidas en España para a fase piloto (xunto con Granada, Murcia, Valladolid ou Gijón, entre outras) e prevese estender a experiencia a outras sedes da FSG en Galicia. Para Abalde, 'a inclusión comeza por facilitar o acceso aos dereitos básicos'.
Na súa primeira edición, 'A Administración cerca de ti' percorreu 8.728 quilómetros e chegou a 63 dos 67 concellos da provincia con menos de 8.000 habitantes, onde se expediron 981 certificados dixitais. Nesta segunda fase xa pasou por Miño, Vilarmaior, Carnota, Vimianzo, Muros e Santa Comba, ademais de traballar con comerciantes, autónomos, estudantes, colectivos en risco de exclusión, sindicatos, centros xerontolóxicos e entidades agrarias. Abalde incidiu en que o programa 'promove a igualdade de oportunidades entre poboación urbana e rural e reforza a presenza do Estado no territorio, especialmente nos municipios menos poboados'.