A Coruña acolle unha nova edición da Feira de Ideas do programa Inicia para Formación Profesional

O Concello da Coruña celebra o luns 31 de marzo, unha nova edición da Feira de Ideas do programa Inicia, unha iniciativa municipal promovida polo Goberno de Inés Rey para fomentar o espírito emprendedor entre o alumnado de Formación Profesional e Ensinos Especiais da cidade.
A xornada desenvolverase no Fórum Metropolitano cunha ampla programación. Pola mañá, entre as 10.00 e as 14.30 horas, o alumnado de 15 proxectos finalistas presentará as súa propostas emprendedoras nunha mostra aberta ao público. A exposición incluirá maquetas, materiais gráficos e outros recursos para dar a coñecer as súa ideas de negocio. Ademais, esta fase será avaliada polo comité de expertos para a puntuación final dos proxectos. A visita institucional ao espazo expositivo está prevista para as 11.30 horas e estará encabezada por Diana Cabanas, concelleira de Emprego, Comercio e Mercados do Concello da Coruña.
Xa pola tarde, entre as 16.00 e as 18.30 horas, o Auditorio do Fórum acollerá unha xornada de experiencias emprendedoras con representantes de iniciativas locais como Pablo Visos Varela (Sherlook), Enrique do Rosario (Sunwalk Records) e o equipo de Skomb-by-Tex. A continuación, celebrarase a entrega dos Premios “Formación para emprender”, coa participación da concelleira.
Nesta edición participan estudantes de cinco centros educativos da cidade: a Grande Obra de Atocha, o Centro de Formación Profesional Nebrija, o IES Rosalía Mera e a Escola de Imaxe e Son. Os proxectos abranguen diversas especialidades como administración, deseño gráfico, mecánica, produción audiovisual, electrónica e comercio electrónico.
Diana Cabanas destacou que “o programa Inicia representa unha aposta clara pola innovación pedagóxica e pola conexión do ensino coa realidade laboral, ofrecendo ao alumnado unha oportunidade real de desenvolver competencias emprendedoras nun contexto creativo e colaborativo”.
O programa Inicia está impulsado polo Concello da Coruña en colaboración coa Unión de Cooperativas Espazocoop, consolidándose como unha ferramenta educativa clave para achegar o alumnado á realidade empresarial, potenciando a creatividade, a innovación e o traballo en equipo.