A Coruña acolle unha exposición de arte do Parlamento Galego
A Sede de Afundación da Coruña acolleu na tarde do xovs a inauguración da exposición 'A nosa arte. Colección do Parlamento de Galicia', unha escolma de 40 pezas das 300 obras de arte galego que conforman a Colección do Parlamento, unha memoria viva das diferentes etapas históricas que, ao longo dos últimos cen anos, determinaron as tendencias artísticas adoptadas en Galicia.
O acto de inauguración contou coa asistencia do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López; o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo; Carlos Valle, unha das tres persoas que comisariaron a mostra; e Marité Cores, coordinadora da Área de Cultura de Afundación.
Esta mostra, na que colaboran tamén a Xunta de Galicia e a Real Academia Galega de Belas Artes, caracterízase pola súa vocación de difusión entre a cidadanía galega. Deste xeito, a Sede de Afundación da Coruña é a sexta das itinerancias dun proxecto que está a percorrer todas as sedes da Obra Social de ABANCA en Galicia, incorporando, ademais, en cada localidade, algunhas das pezas das creadoras e creadores máis emblemáticos desa zona en particular.
Pola banda de Afundación, Marité Cores, coordinadora da Área de Cultura da entidade, resaltou na inauguración de hoxe que "coa vocación de seguir dinamizando arte, coñecemento e patrimonio, a participación de Afundación neste proxecto é incuestionable. Desde Luís Seoane ou Urbano Lugrís, ata Alfonso Abelenda, Peteiro, Correa Corredoira, ou nomes moito máis contemporáneos coma Víctor Mejuto e Noemí Otamendi, esta exposición permite ao público acceder ás pezas de arte do noso Parlamento, que son, en realidade, as pezas de arte que articulan o relato do noso devir artístico da última centuria. Con esta mirada complementaria é coa que se nos anima a participar desta exposición, na que o persoal e o colectivo conviven para mergullarnos nun discurso que nos anima a identificarnos como unha sociedade cohesiva, pero en permanente mudanza".
Miguel Ángel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia, destacou que esta iniciativa "responde e fai visible ou compromiso da primeira institución de Galicia co conxunto do territorio ao que serve, sexa non litoral ou non interior, na mariña ou na montaña, non urbano ou non rural, unha realidade poliédrica que temos a obriga de ter presente, respectando sempre a súa diversidade".
Comisariada pola Real Academia de Belas Artes a través de tres dos seus académicos, María Victoria Carballo-Calero, Felipe-Senén López Gómez e José Carlos Valle Pérez, poderá visitarse ata o vindeiro 31 de agosto, de luns a sábados en horario de 12.00 a 14.00 horas e de 17.30 a 20.30 horas.
Esta exposición está incluída no programa solidario «Cultura por Alimentos» que Afundación desenvolve en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). O público poderá doar alimentos non perecedoiros ao acceder á visita nos recolectores dispotos para tal fin.