A Coruña acolle o V Congreso Internacional SocAnTur, centrado nun turismo máis xusto e sostible

GaliciaXa | ACoruñaXa
O encontro reúne especialistas de toda España para analizar os impactos sociais e culturais do turismo
udc-congreso
12 Jun 2025

A Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da Universidade da Coruña acolleu esta tarde a inauguración do V Congreso Internacional de Socioloxía e Antropoloxía do Turismo (SocAnTur), que se desenvolverá os días 11, 12 e 13 de xuño baixo o lema "Conectando comunidades, culturas e destinos". Organizado polas facultades de Socioloxía e Turismo da UDC, o evento conta co apoio económico da Deputación da Coruña, que achega 48.000 euros a través dun convenio coa Fundación Universidade da Coruña.

Na apertura oficial estiveron presentes o vicepresidente provincial, Xosé Regueira; o reitor da UDC, Ricardo Cao; a secretaria do congreso, María Andrade; o concelleiro de Turismo da Coruña, Gonzalo Castro; e a directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita.

Xosé Regueira puxo de relevo a relevancia do turismo como “sinónimo de economía, cultura e comunidade”, sinalando que na provincia coruñesa o sector representa máis do 12% do PIB. Ao mesmo tempo, advertiu sobre os desafíos que é preciso afrontar: “a turistificación ou a rendibilidade para a poboación residente son cuestións que debemos abordar desde as administracións”. Tamén salientou que cada vez máis persoas se achegan a Galicia non só pola súa paisaxe e gastronomía, senón tamén “polo noso patrimonio inmaterial como a cultura ou a lingua”.

Regueira quixo destacar o papel esencial da Universidade como motor de coñecemento e reflexión crítica: “Axúdanos a xestionar o turismo e impulsa encontros como este, con voces diversas que buscan solucións e que poñen o coñecemento ao servizo da sociedade”. Subliñou ademais que só a través da colaboración entre administracións, sector turístico e cidadanía “poderemos facer do turismo unha ferramenta para o ben común, o benestar das persoas e o avance da sociedade”.

O congreso SocAnTur constitúe un espazo para o intercambio de ideas entre especialistas en socioloxía, antropoloxía e outras disciplinas das ciencias sociais, procedentes tanto do ámbito académico como institucional, empresarial e da sociedade civil. Logo de pasar por Granada (2016), Alacante (2018), La Laguna (2021) e Barcelona (2023), esta quinta edición en A Coruña céntrase especialmente nos impactos socioculturais, políticos e económicos do turismo.

Ademais, abordará grandes retos globais como a transición ecolóxica, a soberanía alimentaria, a descarbonización da economía e as desigualdades sociais e de xénero, co obxectivo de avanzar cara a modelos turísticos máis responsables, inclusivos e sostibles.

⚙ Configurar cookies
0.080435037612915