A Coruña acolle o III Trofeo Internacional Ferenc Szabó de halterofilia
Este sábado 12 celebrarase o III Trofeo Internacional Ferenc Szabó de halterofilia no pavillón polideportivo municipal dos Rosales da Coruña.
O Goberno de Inés Rey apoia esta competición, mantendo a súa aposta polo fomento do deporte entre a cidadanía a través das distintas iniciativas que promoven as entidades locais. Neste caso, a organización recae no Club Halterofilia Coruña, que conta co apoio do Concello.
A xornada dividirase en dúas partes: pola mañá disputarase o Critérium de Promesas Ferenc Szabó coa participación dos mellores deportistas de base de Galicia en catro categorías, de sub 15 a sub 17. Pola tarde terá lugar o Trofeo Internacional Ferenc Szabó na categoría sub 23 entre delegacións de España e de Europa.
Nesta última competición participarán un total de nove equipos: Urbis (Vizcaya), CDUS (Salamanca), CH Cambre, St Birinus (Gran Bretaña), Frankfurt (Alemaña), Budapest (Hungría) e as seleccións A, B e C do Club Halterofilia Coruña.
A competición comezará ás 8.45 horas na sesión de mañá, sendo a entrega de trofeos ás 13.00 horas. Pola tarde, está previsto que o campionato arrinque ás 16.00 e a entrega de trofeos sexa ás 19.30 horas, participando o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez.
Entre as persoas participantes hai deportistas de elite mundial, medallistas en campionatos do mundo e de Europa, como Paula Canedo, Digna Silo e Eduarda Souza do equipo local, Marta García, Laura García e José F. García do conxunto salmantino e o alemán Constantin Schwarzer.