A Coruña acolle o 'Campionato Galego de Waterpolo alevín de inverno' este sábado
A cidade da Coruña será a sede este sábado 10 de febreiro do Campionato Galego de Waterpolo alevín de inverno. O torneo terá lugar na piscina municipal de Riazor, entre as 10.00 e as 20.00 horas.
O campionato confórmano oito equipos galegos: CWC Rías altas, CW Pontevedra A, CW Pontevedra B, CW Santiago A, CW Santiago B, CW As Mariñas, RCN Vigo e CW Ferrol. Todos eles xogarán en formato de copa con finais polo primeiro ao último posto. Deste xeito, todos os equipos disputarán un total de tres encontros.
A piscina municipal de Riazor acollerá nesta xornada a un total de 80 nenos e nenas de entre 8 e 10 anos. O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, supervisará o desenvolvemento da proba e será o encargado de entregar os trofeos e medallas aos equipos gañadores.