A Coruña acolle o Campionato de España de Tríatlon 2025 con máis de mil participantes

A cidade da Coruña será o epicentro do tríatlon nacional esta fin de semana coa celebración do Campionato de España de Tríatlon 2025, na modalidade individual sobre distancia olímpica, unha das probas de referencia do calendario da Federación Española de Tríatlon (FETRI). Un milleiro de deportistas chegados de todos os puntos do Estado medirán forzas nun evento que encherá de deporte e espectáculo o paseo do Parrote, o paseo marítimo e a praza de María Pita durante as xornadas do sábado 31 de maio e o domingo 1 de xuño.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, recibiu esta mañá en María Pita ás persoas representantes da organización, entre as que estiveron Jorge García, director de Competicións da FETRI; Javier Campos, presidente da Federación Galega de Tríatlon (FEGATRI); e membros dos tres clubs locais: Hércules Xtreme, Triatlón Coruña e Triatlón Atlántico.
“Desde o Goberno de Inés Rey estamos moi satisfeitos de acoller na nosa cidade un campionato destas dimensións, o que demostra que A Coruña é todo un referente na organización de grandes eventos deportivos”, destacou Vázquez, quen salientou tamén o impacto positivo do tríatlon tanto no plano deportivo como no turístico.
O sábado celebrarase o groso do programa competitivo, que inclúe catro carreiras do campionato nacional. As categorías xuvenís abrirán a tarde, con saída feminina ás 15.30 horas e masculina ás 16.15 horas. A xornada culminará coas probas Elite: a feminina ás 17.30 horas e a masculina ás 19.45 horas, ambas retransmitidas en directo por TeleDeporte a través da plataforma RTVEPlay.
O domingo será a quenda das e dos triatletas dos Grupos de Idade, que competirán desde as 8.30 horas, e das carreiras júnior, previstas para as 12.30 horas (feminina) e 13.15 horas (masculina).
No plano deportivo, a participación estará encabezada por nomes destacados do panorama nacional. Sara Guerrero, do Náutico de Narón, e Pelayo González, de Peñota Dental Alusigma, defenderán os títulos acadados o pasado ano en Banyoles. Guerrero lidera a lista feminina, na que tamén figuran Noelia Juan, Marta Pintanel —gañadora do nacional de Sprint na Coruña en 2024—, María Casals, Maite Jiménez-Orta ou Cecilia Santamaría.
Na categoría masculina, Kevin Tarek Viñuela, recente campión de Europa de Acuatlón, será un dos favoritos, acompañado por Genís Grau, o galego Esteban Basanta, Andrés Prieto, Vicente Hernández, Nacho Gálvez e o propio Pelayo González, actual campión nacional.
Ademais das probas oficiais, o sábado celebrarase tamén unha nova edición do circuíto nacional Pho3nix Kids Triathlon Series by Javier Gómez Noya, cun programa específico para as categorías de promoción. A partir das 11 da mañá, os máis pequenos competirán en circuítos adaptados para as categorías Prebenxamín, Benxamín, Alevín, Infantil e Cadete, na modalidade de Acuatlón.