A Coruña acolle o 69º Congreso Nacional de Farmacia Hospitalaria apostando pola innovación e a excelencia asistencial

ACoruñaXa
O congreso reúne na Coruña expertos en farmacia hospitalaria para compartir avances terapéuticos e tecnolóxicos, apostando por equipos multidisciplinares e innovación para mellorar a atención aos pacientes
Congreso Nacional de Farmacia Hospitalaria Coruña
17 Out 2024

O director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Alfredo Silva Tojo, inaugurou hoxe na Coruña o 69º Congreso Nacional da Sociedade Española de Farmacia Hospitalaria, destacando a importancia dos equipos multidisciplinares e a innovación no eido da farmacia hospitalaria para garantir unha atención sanitaria de maior calidade.

Co lema “Farmacia 360º: Abrazando a excelencia, coidando en todas direccións”, o evento reúne a destacados profesionais do sector para abordar os últimos avances en terapias e tecnoloxía, co obxectivo de mellorar o benestar dos pacientes e optimizar o uso dos medicamentos. Silva Tojo salientou a evolución que experimentou a farmacia hospitalaria, que agora debe facer fronte ao reto de atender a un número crecente de pacientes con enfermidades cada vez máis complexas.

O director xeral fixo fincapé na necesidade dunha atención integral e segura, promovendo o traballo conxunto de equipos multidisciplinares e responsabilizando tamén aos pacientes no seu propio proceso de saúde. Ademais, destacou o papel crucial que xogan os farmacéuticos hospitalarios no desenvolvemento de terapias avanzadas, subliñando que estes profesionais son responsables de xestionar protocolos para a administración de medicamentos de alta complexidade.

Silva Tojo pechou a súa intervención agradecendo a participación dos numerosos especialistas chegados de toda España, que durante os tres días que dura o congreso compartirán coñecementos e experiencias para seguir avanzando cara un modelo sanitario máis eficiente e de maior calidade.

0.19474601745605