A Coruña acolle este sábado un guateque retro como aperitivo da III Feira Devuelta en Sada

A Coruña converterase este sábado 15 de novembro no punto de encontro para as persoas máis nostálxicas coa celebración dun guateque retro no local La Chela, en plena cidade herculina. A festa, que arrancará ás 18.30 horas, servirá como quedada informal para quen quera ir entrando en ambiente antes da III Feira do Coleccionismo Retro Devuelta, que se desenvolverá a finais de mes en Sada.
A festa tamén pretende achegar o proxecto Devuelta ao público da Coruña, moito del procedente precisamente destas xeracións que hoxe volven mirar cara ao mercado retro. O formato de guateque, cun marcado aire setenteiro e oitenteiro, encaixa co espírito da feira: un espazo no que conviven a memoria persoal, a cultura popular e o intercambio entre afeccionadas e afeccionados.
A gran cita chegará dúas semanas despois: a III Feira do Coleccionismo Retro Devuelta celebrarase os días 29 e 30 de novembro en La Sociedade de Sada, na rúa Praia 1, cun espazo expositivo que medra edición tras edición e que ocupa máis de mil metros cadrados. A entrada é gratuíta e o horario será continuado, de 10.00 a 20.30 horas en ambas xornadas.
Detrás destas iniciativas está a Asociación Cultural Devuelta que, en apenas uns anos, converteu a Sociedade Recreativa Cultural e Deportiva de Sada nun referente para os amantes dos anos 70, 80 e 90. Nestas edicións anteriores, o evento apostou por recuperar o espírito da cultura pop e kitsch da época, con especial atención ás comunidades coleccionistas galegas.