A Coruña acolle este luns a fase final do Campionato Galego de Seleccións Comarcais de fútbol
A Cidade Deportiva da Torre - Arsenio Iglesias da Coruña será o epicentro da gran festa do fútbol base galego que terá lugar o luns 25 de marzo. O Concello e a Real Federación Galega de Fútbol organizarán unha intensa xornada de fútbol con motivo da disputa da Fase Final do Campionato Galego de Seleccións Comarcais nas categorías sub 11 e sub 13 masculinas e sub 11 e sub 14 femininas.
Así, preto de 600 nenos e nenas e centos de familiares e afeccionados daranse cita na sede elixida pola RFGF e o Concello para a disputa da fase final deste emblemático campionato que terá lugar na Cidade Deportiva da Torre, participando tamén deste xeito na celebración do 15 aniversario do monumento como Patrimonio da Humanidade da UNESCO.
Nesta Campionato Galego de Seleccións Comarcais decidiranse os gañadores de todas as categorías. O torneo comezará ás 09.30 horas e rematará co acto de entrega de trofeos e medallas, previsto para as 20.00 horas. Serán un total de 42 encontros, 28 na modalidade de Fútbol 8 e 14 na modalidade de Fútbol 11.
Deste xeito, o torneo coroará os campións e campioas do Campionato Galego de Seleccións Comarcais tras a disputa da primeira fase que tivo lugar o pasado mes de febreiro en Dumbría e Cee. Así, en Fútbol 8 disputáronse 4 partidos na primeira fase e xogaranse outros 2 partidos nesta fase final, un total de 6 encontros, outorgándose 3 puntos por vitoria e 1 por empate. A suma de puntos totais obtidos nas dúas fases ditaminará as catro seleccións clasificadas para as semifinais.
En Fútbol 11, pola súa banda, disputáronse 2 partidos na primeira fase e xogarase 1 partido na segunda fase, un total de 3 partidos, outorgándose 3 puntos por vitoria e 1 por empate. A suma de puntos totais obtidos nas dúas fases ditaminará as catro seleccións clasificadas para as semifinais.
Coa celebración deste torneo de fútbol o Concello reafirma o seu compromiso coa programación na cidade de grandes torneos e competicións deportivas, que integren un gran número de participantes e acheguen á cidade a visitantes de toda a comunidade ou país. Ademais, para esta competición escolleuse simbolicamente a Cidade Deportiva da Torre - Arsenio Iglesias, todo un símbolo para o deporte e o fútbol base coruñés, pola que pasan cada semana milleiros de nenos e nenas.