A Coruña acolle ata o sábado a 'I reunión de Cardio-Oncoloxía'

ACoruñaXa
O evento que reunirá na Coruña especialistas destacados a nivel nacional en cardioloxía, oncoloxía e hematoloxía
Cartel da I Reunión de Cardio-Oncoloxía
Cartel da I Reunión de Cardio-Oncoloxía
9 Feb 2024

Entre este venres pola tarde e o sábado pola mañá, o salón de actos de AFUNDACIÓN será a sede da 'I reunión de Cardio-Oncoloxía', que organizan conxuntamente os servizos de cardioloxía, oncoloxía e hematoloxía do CHUAC. Un evento que reunirá na Coruña aos máis destacados especialistas a nivel nacional destas especialidades médicas.

A consulta específica de cardio-oncoloxía, existente no CHUAC dende o ano 2021, experimenta un incremento progresivo anual no número de pacientes seguidos e tratados debido ao desenvolvemento de novos fármacos e estudios oncolóxicos con potenciais toxicidades cardiolóxicas.

O lema escollido nesta ocasión para resumir o enfoque multidisciplinar do encontro é 'Traballando xuntos'. Reunión na que participan máis de 100 profesionais vidos dende os mais importantes hospitais do territorio nacional.

Nesta primeira reunión, centrada na prevención, coidado e tratamento do paciente oncohematolóxico, participarán como relatores das sesións científicas algúns dos máis destacados especialistas de Galicia e España. As sesións están expostas nun formato interactivo no que primará o coloquio e debate enriquecido coa participación da audiencia. Entre os temas a tratar atópanse as cardiotoxicidades inducidas por tratamentos oncolóxicos, como a quimioterapia, así como as estratexias para previlas e tratalas

O xerente da Área Sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, que presidiu o acto de inauguración desta xornada, destacou o enfoque interdisciplinar e transdisciplinar da actividade asistencial, que será o que aporte verdadeiro valor. De igual xeito que as organizacións sanitarias modernas deixaron de centrarse nos episodios, para abordar os procesos no seu conxunto. "Xa non basta con medir canto facemos, e con qué o facemos, senon que queremos saber o resultado do que facemos", sinalou.

A tarde do venres a xornada estará centrada na cardiotoxicidade en cardioloxía, expoñéndose as principais novidades da especialidade por profesionais de primeiro nivel de Cardioloxía e Oncoloxía de diferentes centros galegos e nacionais, incluíndo dúas charlas maxistrais do Dr. De Castro (vicepresidente SEOM) e Dr. Martín (Hospital Salamanca).

Xa na xornada do sábado as mesas redondas estarán enfocadas na cardiotoxicidade nos tratamentos hematolóxicos e a anticoagulación e tromboses no paciente oncolóxico, incluíndo conferencias de facultativos especialistas en cardioloxía, hematoloxía e medicina interna.

0.066812992095947