A Coruña acolle as xornadas ‘Do deseño tamén se come’, un encontro arredor da identidade visual

ACoruñaXa
Unha iniciativa promovida pola Deputación da Coruña dentro do marco do novo Premio Luís Seoane de Deseño
Dep-desenho
3 Jun 2025

A sede da Fundación Luís Seoane converterase os vindeiros días 13 e 14 de xuño no epicentro do mellor deseño gráfico aplicado ao sector alimentario galego. Será grazas ás xornadas ‘Do deseño tamén se come’, unha iniciativa promovida polo departamento de Cultura da Deputación da Coruña dentro do marco do novo Premio Luís Seoane de Deseño, que dará a coñecer o seu primeiro gañador nos próximos días.

O encontro, coordinado polo deseñador e comisario do certame Pepe Barro, está pensado como un espazo aberto a estudantes, profesionais e público en xeral. Nel, será posible coñecer de primeira man o traballo desenvolvido por recoñecidos estudos galegos como Guillotina Estudo, Cenlitros, Desoños, Uqui Permui, Imaxe, Studio Teiga, Costa, Elga Lamas ou Rebeca Ces, entre outros. Ao longo das dúas xornadas falarán da identidade gráfica de produtos tan coñecidos como as galletas Maruxas de nata, a cervexa Estrella Galicia, os ovos do Pazo de Vilane, o Queique de Ordes, a empanada Millo Verde ou o queixo Cortes de Muar.

A programación inclúe dúas clases maxistrais que achegarán perspectivas internacionais: unha do deseñador catalán Àlex Gobern, actual presidente da ADG-FAD e con máis de 25 anos de experiencia en marcas de relevancia, e outra do portugués Eduardo Aires, considerado unha das figuras máis destacadas do deseño gráfico no seu país.

Tamén haberá espazo para as experiencias de emprendemento, da man de Nuria Varela-Portas, do Pazo de Vilane, e Xosé Ramón Durán, CEO de Terra de Asorei, que manterán conversas co propio Barro.

En palabras do comisario, “o deseño gráfico ten un papel estratéxico no sector agroalimentario, o cuarto de Galicia en número de persoas traballadoras”. E engadiu: “En realidade sería o segundo, pois esa cifra chega ás 55.000, se lle sumamos o sector pesqueiro”. Por iso defendeu a importancia do evento: “Cremos, pois, de grande importancia e interese que, con este encontro, os nosos produtos falen ben de si mesmos e transmitan a súa calidade e a súa identidade aos clientes potenciais e ao público xeral”.

As xornadas ‘Do deseño tamén se come’ sitúanse así como un punto de encontro clave para explorar o valor do deseño como ferramenta de comunicación e posicionamento no sector alimentario galego.

⚙ Configurar cookies
0.13742613792419