A Coruña acolle a XXV edición do Correlingua con 2.200 participantes a prol do galego

ACoruñaXa
Foi un percorrido a pé desde o Palacio dos Deportes ata a Torre de Hércules reivindicando o uso da lingua galega
correlingua-25
6 May 2025

A Coruña deu a benvida á XXV edición do Correlingua, unha das maiores iniciativas a favor do galego, que reuniu 2.200 alumnos e alumnas de diferentes centros educativos da cidade e a súa contorna. O evento consistiu nun percorrido a pé desde o Palacio dos Deportes ata a Torre de Hércules, onde os participantes, portando pancartas e proclamas, reivindicaron o uso da lingua galega.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, participou na celebración, destacando a importancia do evento para a promoción do galego: “Ver os centros de toda a contorna aquí reunidos: A Coruña, Oleiros, Arteixo, Cambre, Pontedeume... é unha proba clara de que hai unha xeración que non lle dá as costas ao galego. Ao contrario: facedes moitísimas iniciativas ao longo do ano para que o galego sexa parte activa da vosa vida”. A rexedora tamén subliñou a necesidade de que o galego “se expanda máis alá das aulas”.

O acto foi presentado pola actriz Isabel Risco e contou coa actuación musical de Pauliña. O alumnado do IES Breamo de Pontedeume, gañadores do concurso de lemas deste ano, foi o encargado de ler o manifesto a favor da lingua.

Ao remate da xornada, a alcaldesa fixo entrega dos premios aos centros educativos que se destacaron nesta edición do Correlingua. O CEIP Juana de Vega de Oleiros foi recoñecido como o centro máis animado, mentres que o IES Agra do Orzán levou o premio á mellor pancarta. Os galardóns consistiron nun lote de libros doados polas Bibliotecas Municipais da Coruña.

Esta edición, baixo o lema “A mocidade activa por unha lingua viva”, demostra o compromiso da mocidade galega co seu idioma, unha iniciativa que conta co apoio do Concello da Coruña e que se prolonga ao longo do ano con diversas actividades para fomentar o uso do galego entre os máis novos.

A participación foi ampla, con centros de diferentes localidades como A Coruña, Oleiros, Arteixo, Cambre, Carral, Culleredo ou Pontedeume, e moitos outros, unidos na defensa e promoción do galego.

⚙ Configurar cookies
0.14952611923218