A Coruña acolle a X edición das ‘Lacónicas’, as Xornadas Gastronómicas do Lacón con Grelos

A concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Cabanas, presentou a décima edición das ‘Xornadas Gastronómicas do Lacón con Grelos’, coñecidas popularmente como ‘Lacónicas’, unha das citas culinarias máis destacadas da cidade.
“O Goberno de Inés Rey segue fomentando este tipo de iniciativas que poñen en valor o produto local e a excelente materia prima galega, ademais de ser unha oportunidade para revitalizar a hostalería da Coruña”, sinalou a concelleira durante o acto de presentación, que tivo lugar no restaurante La.Con.Fusión, un dos 32 establecementos que participan este ano.
Diana Cabanas destacou a importancia de eventos como este para a promoción da gastronomía coruñesa: “Na Coruña amosamos constantemente que a nosa oferta gastronómica é de primeirísimo nivel, e desde o Goberno de Inés Rey queremos seguir fomentando os pratos de temporada con iniciativas coma esta”.
Nesta edición, que se desenvolverá do 13 de febreiro ao 9 de marzo, un total de 32 restaurantes da cidade ofrecerán menús especiais baseados no lacón con grelos, un dos pratos máis tradicionais da gastronomía galega. As propostas estarán elaboradas con produtos de proximidade e quilómetro cero, garantindo a máxima calidade dos ingredientes.
Cada menú incluirá un primeiro prato (como sopa ou similar), un prato principal (‘laconada’), unha sobremesa clásica (filloas e/ou orellas), bebida (auga, refrescos, cervexa ou viño con denominación de orixe galega) e café opcional. O prezo oscilará entre os 20 e os 40 euros por persoa. Ademais, algúns establecementos ofrecerán opcións para grupos, recollida no local e incluso servizo de entrega a domicilio.
LISTAXE DE RESTAURANTES PARTICIPANTES
Nesta décima edición participan: A fuego lento, A taberna de Cunqueiro, Arraigo, Asador Coruña, Bar Ciudad, Bodega Órdenes, Central Park, Cícero, Cinema’s, Cosecha81, El 46, El Invernadero, Galiur, Restaurante Ábrego, La Marola, La pérgola de Oído Cocina, La Tabarra, La Tribu, La.Con.Fusión, Lois, Mahara Taberna Rock, Marea Baja, Mesón de Herves, Miña Nai, Restaurante Eira, Restaurante Hünico, Restaurante Morriña, Rincón del Reino, Taberna O Freixo, Vermutería Chitín, Vermutería Martínez e Yebra Gastrobar.