A Coruña acolle a sexta edición de BioCultura, a feira de ecoturismo e produtos ecolóxicos

ACoruñaXa
O evento contará cun total de 110 expositores de diferentes sectores e agárdase a asistencia duns 15.000 visitantes
BIOCULTURA-035
5 Mar 2025

Chega a sexta edición de BioCultura, a feira de ecoturismo e produtos ecolóxicos que se celebra entre o venres 7 e o domingo 9 de marzo na Coruña. O evento converterase nun escaparate destacado para a promoción dos produtos ecolóxicos galegos. A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, participará activamente no mesmo.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, en colaboración co Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), apoia a presenza de 27 operadores ecolóxicos galegos dentro do espazo institucional do Goberno autonómico. No recinto, os visitantes poderán atopar unha ampla variedade de produtos, desde lácteos ata carnes, conservas, cervexas, viños e licores, todos baixo o paraugas do proxecto Experiencias de Calidade.

O posto da Xunta contará cun deseño atractivo en madeira que evoca unha cesta chea de produtos ecolóxicos. Ademais da exposición, desenvolveranse actividades nunha aula de cata, onde se presentarán produtos e se realizarán demostracións gastronómicas. Haberá catas especializadas, presentacións e iniciativas culturais vinculadas á produción ecolóxica.

Ao longo dos tres días da feira, están programadas 13 actividades que abordarán distintos produtos e sectores. Destacan propostas como a maridaxe de algas con sidra dentro do "mar ecolóxico", ademais de presentacións sobre lácteos ecolóxicos, carnes de vacún de razas autóctonas galegas, artesanía alimentaria, mel e produción hortícola sostible.

BioCultura consolidouse como un evento de referencia a nivel nacional no ámbito do ecoturismo e os produtos ecolóxicos. Forma parte dunha rede de feiras similares que se celebran nas principais cidades de España e nesta edición agárdase a asistencia duns 15.000 visitantes. O evento contará cun total de 110 expositores de diferentes sectores, como alimentación ecolóxica, eco-cosmética, moda sostible e outras propostas vinculadas cun estilo de vida ecolóxico. Ademais, está previsto un amplo programa de preto de 100 actividades relacionadas con temas de actualidade no sector.

 

⚙ Configurar cookies
0.16884088516235