A Coruña acolle a presentación de 'Laudatio Funebris', estudo sobre a morte na Galiza medieval

A Coruña será escenario da presentación do libro 'Laudatio Funebris. Da morte, o pranto e o alén no Reino da Galiza', da autoría de Andrés Díaz e Eva Moreda. O encontro terá lugar o mércores 19 de novembro, ás 20.00 horas, no espazo cultural Portas Ártabras, nun acto organizado por aCentral Folque en colaboración con Portas Ártabras Amigos dos Museos de Galicia.
A obra afonda nas múltiples representacións culturais, musicais e literarias da morte na Galiza medieval. A partir dos prantos galego-portugueses, os autores exploran un universo simbólico no que morrer na Idade Media era moito máis ca un simple desenlace biolóxico: a morte convertíase nun acontecemento social, político e artístico.
Estes prantos, compostos no ámbito cortesán e relixioso para lembrar a morte dunha persoa concreta e con prolongacións na tradición popular, aparecen como poemas musicados que recollen diversas voces e perspectivas. A través deles, o libro amosa como se artellaban formas colectivas de memoria, identidade e poder, revelando a función que estes rituais tiñan na construción da comunidade.
Recuperar hoxe estes textos supón, segundo salientan os autores, unha oportunidade para achegarse a un tempo no que a morte se cantaba, se representaba e se ritualizaba co obxectivo de darlle sentido. O resultado é un legado literario, lingüístico e emocional que segue a dialogar coa sensibilidade contemporánea e coa forma en que a sociedade actual se enfronta á fin da vida e ao recordo dos ausentes.
Na presentación en Portas Ártabras, Andrés Díaz e Eva Moreda conversarán co público sobre o proceso de investigación e escrita do volume, así como sobre o lugar que ocupa a memoria funeraria na cultura galega e na tradición europea.