A Coruña acolle a presentación de 'arte menor', o novo libro de Susana Sanches Arins

A Central Folque organiza en A Coruña a presentación de 'arte menor', o máis recente libro da escritora Susana Sanches Arins. A cita será o xoves 20 de novembro, ás 20.00 horas, no local A Cova Céltica, situado na rúa d'Orzán, número 82.
'Arte menor', publicado na colección Seiva, relata en forma de poemario a experiencia de sete mulleres d'O Lugar que deciden apuntarse a clases de pandeireta e canto tradicionais. A obra reivindica o traballo comunitario e a forza das mulleres do rural, ao tempo que pon o foco nunha tradición viva e en constante cambio, capaz de soster e reler os fíos da memoria colectiva.
No acto participará a propia autora, Susana Sanches Arins, acompañada pola poeta Estíbaliz Espinosa e pola pandeireteira e mestra de música tradicional Olga Kirk, dúas figuras destacadas da vida cultural coruñesa.
A presentación está concibida como un encontro entre palabra e música: un diálogo entre a poesía escrita para ser lida e a poesía popular pensada para ser cantada e escoitada. Unha conversa que busca reflexionar sobre a continuidade das voces femininas que constrúen e transmiten o noso patrimonio inmaterial.
O libro propón unha escrita antiépica, inspirada nas lecturas feministas da 'Odisseia' fronte á 'Ilíada', e enraizada nos cantos da tradición oral galega. 'arte menor' preséntase así como unha homenaxe á palabra viva e ás mulleres que a manteñen no tempo.