A Coruña acolle a I Feira Saúde e Sociedade para impulsar saúde, benestar e inclusión social

A Universidade da Coruña, a través da unidade UDC Saudable, e o Concello da Coruña poñen en marcha a I Feira Saúde e Sociedade, unha xornada aberta que quere poñer en valor o papel da comunidade universitaria, das entidades sociais e do tecido asociativo na promoción da saúde, do benestar e da inclusión social na cidade.
A feira desenvolverase este sábado 15 de novembro, de 9.30 a 14.00 horas, no Centro Ágora. Enmárcase no convenio de colaboración entre o Concello da Coruña e a Universidade da Coruña e é unha iniciativa impulsada polo Concello, a Vicerreitoría do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social e a oficina UDC Saudable, co obxectivo de reforzar as alianzas entre institucións públicas e terceiro sector para ofrecer respostas conxuntas ás necesidades de saúde e ás situacións de vulnerabilidade da contorna. A proposta insírese nas políticas do Goberno de Inés Rey orientadas a favorecer a inclusión social na cidade.
Ao longo da mañá, as persoas asistentes atoparán stands informativos, obradoiros, demostracións prácticas, actividades participativas e espazos de encontro entre a veciñanza, o alumnado, o profesorado e profesionais do ámbito social e sanitario. A programación inclúe apertura de portas ás 9.30 horas, actividades continuadas entre as 9.30 e as 12.00 horas, recepción de autoridades ás 12.00 horas, intervencións institucionais e acto simbólico ás 12.15 horas e, finalmente, un treito final de actividades, espazo de networking e peche da feira entre as 12.45 e as 14.00 horas.
Na I Feira Saúde e Sociedade participará un amplo abano de asociacións, entidades e recursos relacionados coa promoción da saúde, a prevención da enfermidade, o apoio social e a atención a colectivos vulnerables. Entre as organizacións confirmadas atópanse a Asociación Coruñesa de Epilepsia, a Asociación Española Contra o Cancro, ASARGA (Asociación de Sarcomas Grupo Asistencial), a Fundación INGADA (Instituto Galego do TDAH e Trastornos Asociados) ou QuerENDO (Mulleres con Endometriose). Súmanse tamén a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, ASFEDRO (Asociación Ferrolá de Drogodependencias), Dano Cerebral Galicia, Asotrame (Asociación Galega de Trasplantados de Medula Ósea) e ENKI, Inclusión en movemento. Completa a relación de entidades ALCER Coruña (Asociación para a Loita Contra as Enfermidades do Ril), a Liga Reumatolóxica Galega, FEGEREC (Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas), SEDRA (Federación de Planificación Familiar Estatal), a Asociación Galega de Linfedema e Lipedema, o proxecto Espazo Compartido e a propia UDC Saudable.
A I Feira Saúde e Sociedade pretende crear un espazo de encontro e diálogo entre universidade e cidadanía, visibilizar o traballo das asociacións en materia de saúde e inclusión, dar a coñecer recursos sanitarios e sociosanitarios e favorecer novas vías de colaboración entre institucións, profesionais, alumnado e persoas interesadas no benestar comunitario. O Concello e a Universidade convidan a toda a veciñanza a achegarse ao Centro Ágora, coñecer de primeira man os recursos existentes e sumar esforzos para construír unha cidade e unha universidade máis saudables, solidarias e inclusivas.