A Coruña acolle a fase de ascenso á División de Honra Prata de balonmán masculino

ACoruñaXa
O club OAR Coruña 1952 representará á cidade nesta competición que reúne a catro equipos
encontro-balonman-concello-coruña
16 May 2025

A Coruña acolle esta fin de semana a fase de ascenso á División de Honra Prata de balonmán e, esta mañá, o Palacio Municipal de María Pita abriulles as súas portas aos catro equipos participantes: o OAR Coruña 1952, o Sant Joan de Alacante, o BM Contazara Zaragoza e o La Salle, de Córdoba.

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, representou o Goberno municipal neste acto, no que lembrou o longo percorrido do OAR, fundado a mediados dos anos cincuenta na Cidade Vella, “sendo o terceiro club máis antigo da historia do balonmán masculino en España, tras Granollers e o Teucro”. Agora, xogará o ascenso na súa casa.

A fase, que se disputará no pavillón polideportivo San Francisco Xabier, arrincará ás 17.30 horas desta tarde, co encontro entre Zaragoza e La Salle. Xa ás 20.30 horas, OAR e Sant Joan. Mañá, sábado, será a segunda xornada de competición, con partidos ás 17.30 (Sant Joan vs. La Salle) e
20.30 (OAR Coruña vs. Zaragoza). Por último, xa o domingo, a partir das 10.00 horas, disputarase o Zaragoza vs. Sant Joan e, por último, o OAR Coruña vs. La Salle, que se xogará ás 13.00 horas.

Manuel Vázquez animou a cidadanía a encher o pavillón e gozar desta ampla programación deportiva na que o OAR xogará a volta á segunda categoría nacional de balonmán masculino.

Ademais do concelleiro, no acto desta mañá participaron o presidente do OAR Coruña 1952, Carlos Resch, o deputado provincial Antonio Leira e o secretario xeral técnico da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, Francisco Javier Abad. Ademais, tamén asistiron xogadores dos equipos participantes na fase de ascenso.

⚙ Configurar cookies
0.16349720954895