A Coruña acolle a exposición sobre os 150 anos da Banda de Paradela

SarriaXa | ACoruñaXa
Esta mostra itinerante, que estivo na Casa do Concello de Paradela e na Biblioteca Provincial de Lugo, poderá visitarse na Coruña ata o 11 de abril
Banda-de-Música-de-Paradela-2
27 Mar 2025

A Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés albergará, a partir deste venres, a exposición "A Banda de Paradela cumpre 150 anos", organizada por Egeria en colaboración coa Banda de Paradela e co patrocinio do Concello de Paradela e da Xunta de Galicia.

Esta mostra itinerante, que anteriormente estivo exposta na Casa do Concello de Paradela e na Biblioteca Provincial de Lugo, poderá visitarse na Coruña desde o 28 de marzo ata o 11 de abril. A inauguración oficial terá lugar o 28 de marzo ás 12.00 horas, coa presenza de Severino Álvarez Monteserín, xefe territorial de Cultura da Xunta.

A exposición está composta por 12 paneis de gran formato (2x1 metros) e realiza un percorrido histórico desde a fundación da Banda en 1873 ata a actualidade.

Un século e medio de historia musical

A Banda de Paradela celebrou en 2023 o seu 150 aniversario con diversos actos e con esta exposición, que recolle a súa evolución desde a súa orixe como "Banda de Barrido", nacida na aldea do mesmo nome da parroquia de San Vicente de Paradela, ata a agrupación actual, dirixida por Martín Vázquez e presidida pola saxofonista Marisol Arias.

Un dos aspectos máis destacados da mostra é a memoria dos músicos históricos que marcaron o devir da Banda e a profunda tradición musical de Paradela, especialmente da aldea de Barrido, onde en cada casa había polo menos un músico.

Grazas á documentación recompilada en xornais, a exposición segue a traxectoria da Banda, que tras a súa fundación pasou a chamarse Banda de Barrido-Farbán. A comezos dos anos 60, desapareceu debido á emigración de moitos dos seus membros, pero anos despois foi recuperada por músicos que regresaron ou continuaron a súa actividade en Galicia.

Homenaxe a músicos emblemáticos

A exposición rende homenaxe a figuras clave da historia da Banda, como Cándido López, impulsor da Banda tras o seu regreso de Suíza; Pedro Rodríguez, director que “tocaba todos os instrumentos” e que ten un pequeno museo na súa casa de Barrido; Ramiro Rodríguez, director fusilado durante a Guerra Civil; "Ramiriño", o seu fillo, tamén director, que doou a batuta de seu pai e o seu clarinete ao CENTRAD de Lugo; Lino de la Torre Barrio, fundador da orquestra Max 2000, que actuou no Circo Price e dirixiu a Banda e a Escola de Música durante dúas décadas; Julio Varela, o músico máis veterano da Banda, con 91 anos, que toca o bombo, e Sara Arias, a integrante máis nova, de só 9 anos, que toca a trompeta.

Con esta exposición, a Banda de Paradela celebra o seu legado musical e a súa contribución á cultura galega, reafirmando o seu papel como unha das agrupacións máis emblemáticas da comunidade.

⚙ Configurar cookies
0.12466788291931