A Coruña acolle a exposición 'Goya-Hellboy. Unha iconografía de monstros por Stéphane Levallois'
Os monstros que Francisco de Goya pintou hai máis de 200 anos dialogarán durante boa parte deste verán en Galicia, na Sede de Afundación na Coruña, cunha das criaturas do cómic e o cinema fantástico máis populares do século XXI na exposición 'Goya-Hellboy. Unha iconografía de monstros por Stéphane Levallois'.
Inaugurada este mércores, a mostra reúne 72 obras orixinais nas que o prestixioso debuxante francés Stéphane Levallois reflexiona e captura a iconografía do pintor e gravador español en creacións feitas a partir do universo do superheroe contemporáneo Hellboy.
As persoas que a visiten tamén atoparán algunha das series máis destacadas dos gravados de Goya: 'Os caprichos' e 'Os disparates', procedentes da Colección de Arte Afundación, e dúas láminas cedidas e asinadas polo creador da saga Hellboy, o lendario autor de cómics estadounidense Mike Mignola. A exposición, comisariada polo recoñecido especialista en cinema e banda deseñada Asier Mensuro, permanecerá aberta ata o 31 de agosto.
Stéphane Levallois (París, 1970) é o responsable do deseño de personaxes e do universo creativo de películas como a saga de Harry Potter, Jurassic Park ou Piratas do Caribe. Autor de banda deseñada e artista conceptual de cinema, na súa vasta obra destacan, ademais, creacións feitas por encargos de institucións culturais como os museos parisienses do Louvre ou do Orsay. Para o primeiro creou o libro Leonard2Vinci. Para o segundo, a irreverente fábula Les disparues d’Orsay (Os desaparecidos de Orsay), unha atípica guía de visita ás obras expostas na institución parisiense.