A Coruña acolle a entrega de premios da campaña "Merca no teu comercio"

A Praza de España da Coruña foi o escenario da entrega dos premios da campaña "Merca no teu comercio", unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia en colaboración coa Federación Galega de Comercio para promover as compras no comercio de proximidade. O acto contou coa participación do director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén.
Durante a súa intervención, Alén lembrou que a campaña continúa activa noutras zonas da provincia, como os concellos de Fene e Narón, onde se manterá aberta ata o vindeiro venres, 25 de xullo. Ademais, destacou que tamén está en marcha en Dodro, Padrón e Rois, nestes casos ata o 4 de agosto.
Na Coruña, a iniciativa desenvolveuse na primeira quincena de xullo, cun sorteo celebrado en directo entre as persoas que rexistraron as súas compras a través da web da campaña ou directamente nos comercios participantes. En total repartíronse 20 tarxetas prepago de 50 euros, que se poderán gastar nos establecementos adheridos ata o 31 de decembro.