A Coruña acolle a cuarta edición do simposio internacional sobre envellecemento celular

ACoruñaXa
A cita reunirá especialistas internacionais e contará cunha sesión divulgativa aberta ao público sobre envellecemento que terá lugar o luns 21 de xullo ás 19:00 horas
xuventude
18 Jul 2025

A Facultade de Ciencias da Saúde da Universidade da Coruña acollerá, entre o luns 21 e o mércores 23 de xullo, unha nova edición do Cellular Aging and Metabolism Symposium (CAMS 2025), que alcanza así a súa cuarta edición. Este simposio de referencia internacional ten como obxectivo afondar na interconexión entre metabolismo celular e envellecemento, un campo central para comprender a fisioloxía do envellecemento e desenvolver estratexias para prolongar a saúde e a lonxevidade.

Organizado polo investigador Ramón y Cajal do Grupo de Investigación en Terapia Celular e Medicina Rexenerativa (TCMR) do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña), Juan Fafián, xunto coa investigadora do mesmo grupo, María Arufe, CAMS 2025 servirá de punto de encontro de expertos do metabolismo, a senescencia celular e os mecanismos relacionados (estrés oxidativo, mitocondrias, función de células nai…), cunha orientación clínica e translacional, centrada en promover un envellecemento saudable e novas terapias contra enfermidades relacionadas coa idade.

Dentro das conferencias programadas durante as tres xornadas, participarán científicos de prestixio internacional, como a profesora Isabel Fariñas, da Universitat de València; o doutor Manuel Collado, do CIMUS-CNB-CSIC; a profesora Cláudia Lobato da Silva, do IBB‑Tech da Universidade de Lisboa; ou a doutora Sofía Ferreira, da University of Edinburgh.

Tamén se realizarán cada tarde, trala visita aos pósters expostos, as sesións de “flash talks” que consisten en presentacións científicas breves na que os autores e autoras expoñerán ideas novidosas ou resultados preliminares das súas investigacións.
Estas sesións buscan fomentar a comunicación áxil, o debate interdisciplinar e a participación de persoal investigador emerxente. Ao remate do congreso, outorgaranse premios ás mellores comunicacións en recoñecemento á súa calidade e impacto científico.

As últimas prazas están dispoñibles ata este sábado 19 de xullo na páxina web do CAMS 2025.

O luns 21 de xullo ás 19:00 horas, tamén na Facultade de Ciencias da Saúde (Campus de Oza), terá lugar a actividade satélite gratuíta “Entender o envellecemento para vivir mellor”, especialmente orientada á poboación xeral, coa fin de promover o coñecemento público sobre o papel do metabolismo e a senescencia na calidade de vida.

Nesta mesa redonda, moderada pola divulgadora científica Tamara Pazos, participarán Isabel Fariñas, catedrática de Bioloxía Celular na Universitat de València; Diego Gómez Nicola, catedrático de Neuroinmunoloxía na Facultade de Ciencias Biolóxicas da University of Southampton; e Jesús Mateos Martín, doutor na Unidade de Investigación do Departamento de Oncoloxía Médica do Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo.

Sobre o CICA

O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña creouse en 2015 como un centro de investigación de ciencias avanzadas que conta con máis de 200 investigadores e investigadoras pertencentes a tres áreas científicas: Biomedicina; Alimentación, Contaminación e Saúde; e Nanociencia e Materiais Avanzados. As tres liñas enfocan os seus estudos ao concepto coñecido como One Health; no que a saúde ambiental, humana e animal están interconectadas.

Desde 2024, o CICA conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación.

A excelencia investigadora, a transferencia tecnolóxica e a transmisión de coñecemento á sociedade forman os tres piares sobre os que se fundamenta o centro de investigación. É recoñecido pola atracción de talento, a visibilidade da muller científica e a promoción da igualdade de xénero, contando cunha presenza feminina superior ao 50%.

⚙ Configurar cookies
0.17838191986084