A Coruña acolle a celebración da primeira serie do Campionato de España de Rugby 7

A Coruña prepárase para vivir unha intensa fin de semana de deporte de alto nivel coa celebración da primeira serie do Campionato de España de Rugby 7 feminino. A competición, que terá lugar na Cidade Deportiva da Torre – Arsenio Iglesias, contará coa participación de 11 dos mellores equipos estatais nesta disciplina, co CRAT Rialta como anfitrión e vixente subcampión do torneo.
A actividade comezará o sábado 7 de xuño de 9.00 a 17.00 horas, e continuará o domingo 8 de 10.00 a 16.00 horas. A serie coruñesa será a primeira dun total de tres, completándose o calendario con citas en Valencia (14-15 de xuño) e Sevilla (28-29 de xuño). Os equipos irán acumulando puntos en función da súa posición en cada sede, que determinarán o título final ao remate da terceira.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, recibiu no Pazo de María Pita a representantes dos equipos participantes e destacou o compromiso municipal coa promoción do deporte. “Desde o Goberno de Inés Rey traballamos intensamente para que os equipos coruñeses poidan teñan as máximas facilidades para competir en torneos coma este, impulsando se é preciso a súa celebración na nosa cidade, o que supón ademais un valor engadido para toda a cidadanía como sede”, afirmou.
O rugby “seven”, modalidade olímpica, difire do tradicional rugby a 15 por ofrecer un formato máis áxil e visual: partidos de dous tempos de sete minutos, equipos de sete xogadoras, touches e melés simplificadas, e encontros consecutivos durante toda a xornada. Esta dinámica garante un espectáculo continuo e atractivo tanto para o público asistente como para quen o siga desde a casa, xa que os encontros serán retransmitidos en directo a través de YouTube.
A celebración deste evento en A Coruña reafirma o papel da cidade como escenario de grandes citas deportivas e como referente na promoción do deporte feminino.