A Coruña acende motores para a 38ª edición do Festival Noroeste Estrella Galicia

ACoruñaXa
A programación chega cunha importante novidade: a incorporación da praza de María Pita como novo espazo escénico
norte-estrella-galicia
3 Aug 2025

A cidade herculina xa conta os días para celebrar unha nova edición do Festival Noroeste Estrella Galicia, que se desenvolverá do 6 ao 10 de agosto con máis de trinta concertos espallados por seis escenarios urbanos. A programación deste 2025 chega cunha importante novidade: a incorporación da praza de María Pita como novo espazo escénico, co obxectivo de “facilitar o tránsito de público entre uns e outros” escenarios. Así o anunciou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo, quen subliñou que “o Goberno de Inés Rey volve a amosar o seu compromiso cun festival referente a nivel nacional”.

Tamén se estrea O Portiño como localización, cunha aposta familiar que inclúe o Mercado da Colleita —impulsado por Hijos de Rivera— e diversas actividades lúdicas. Esta nova localización súmase aos xa habituais escenarios da praia de Riazor, o Castelo de San Antón, Campo da Leña, praza de Azcárraga e, agora, María Pita.

O cartel deste ano está inspirado nas vidreiras das galerías da Mariña e continúa a liña internacional do festival, con artistas procedentes do Reino Unido, Países Baixos, Mali, Marrocos ou Senegal. A música galega terá un protagonismo destacado: 19 bandas locais formarán parte do programa e máis do 50 % das actuacións contarán con presenza feminina. Todos os concertos serán gratuítos, agás os do Castelo de San Antón, que precisan invitación previa dispoñible na praza de Ourense a partir do 5 de agosto.

Ritmo galego e internacional nos principais escenarios

A praia de Riazor será, un ano máis, un dos centros neurálxicos do festival. O venres 8 de agosto acollerá as actuacións de Carlos Ares, Luar na Lubre —a banda galega máis internacional— e Grande Amore, gañador do Premio MIN 2024 ao mellor álbum en galego. O sábado 9, tomarán a testemuña The Vaccines, Siloé e a multipremiada Guadi Galego.

María Pita, pola súa parte, inaugurarase como escenario coas actuacións de Queralt Lahoz e Albert Pla, entre outros. No Campo da Leña soarán nomes como Los DelTonos, O’funk’illo, Hermana Furia, Doctor Snob e Battosai.

No Castelo de San Antón, onde o aforo será limitado, destacarán artistas como Vieux Farka Touré, Ballaké Sissoko & Piers Faccini e McEnroe. Dez minutos antes do comezo de cada concerto, a entrada será libre ata completar capacidade.

A praza de Azcárraga manterá o seu carácter sorpresivo e intimista cun cartel que inclúe a lenda do soul P.P. Arnold, Annie and the Caldwells e JP Bimeni and the Black Belts. Ademais, este espazo dará visibilidade a bandas emerxentes locais como Revel Velvet, Experimento Basement, Roda Door e Nordés.

Un festival consolidado como escaparate musical e cultural

O Festival Noroeste Estrella Galicia está organizado polo Concello da Coruña e conta co apoio da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o patrocinio principal de Estrella Galicia. A nova edición non só reforza o seu papel como escaparate internacional, senón que afonda na súa identidade como evento inclusivo, sostible e comprometido co talento galego.

⚙ Configurar cookies
0.18258690834045