A Coruña acada 251.453 habitantes e registra o maior aumento de poboación desde que hai rexistros

A cidade da Coruña vén de superar unha nova marca demográfica. O Instituto Nacional de Estadística (INE) comunicou oficialmente ao Concello a revisión do Padrón municipal a 1 de xaneiro deste ano, que fixa en 251.453 o número de persoas empadroadas no termo municipal, a cifra máis elevada en décadas.
Trátase dun dato lixeiramente superior ao que manexaba o INE de maneira provisional na proposta remitida en marzo e que, tras o período de alegacións e a validación do Consejo de Empadronamiento, queda agora confirmado como cifra definitiva.
A alcaldesa, Inés Rey, valorou este salto demográfico e subliñou que é 'froito dun intenso traballo diario para posicionar A Coruña como o motor de Galicia en termos económicos e sociais'. Rey destacou que o crecemento da cidade responde tanto á capacidade para reter talento como á atracción de nova poboación.
Segundo a serie do Padrón continuo do INE, a Coruña experimentou un primeiro cambio de tendencia no ano 2015, cando a poboación baixou ata os 243.870 habitantes. A partir de aí, a cifra estabilizouse durante varios anos arredor dos 244.000 veciños, ata que en 2019 se produce un punto de inflexión, coa chegada dun crecemento máis sostido no tempo.
Así, o Padrón municipal pasou dos 245.711 habitantes en 2019 aos 247.604 en 2020. No contexto da pandemia, a poboación reduciuse de maneira moderada ata os 245.468 habitantes en 2021 e en torno aos 244.700 en 2022. A tendencia alcista retomouse en 2023, cando a cidade alcanzou os 247.736 habitantes, e consolidouse en 2024, quedando ás portas dos 250.000 con 249.261 persoas empadroadas. Co dato oficial de 2025, a diferenza positiva respecto de 2019 acada os 5.832 habitantes.
'Hai elementos moi claros que explican esta evolución', apuntou a rexedora. 'A Coruña consolidouse como unha cidade de oportunidades, de desenvolvemento empresarial e de creación de emprego, o que nos permite reter poboación e tamén atraer nova veciñanza. Pero outro piar fundamental é a oferta de servizos públicos de calidade, que melloran a vida diaria da cidadanía', engadiu.
Nese sentido, Rey lembrou que A Coruña foi o primeiro concello galego en solicitar a declaración de Zona Residencial Tensionada, actualmente en vigor, como mecanismo para facer fronte ás dificultades de acceso á vivenda. Tamén destacou a recente regulación das vivendas de uso turístico, orientada a frear o impacto deste tipo de aloxamentos no mercado do alugueiro e favorecer que máis fogares poidan acceder a prezos asumibles.
'Dentro das nosas competencias estamos a impulsar medidas concretas: promovemos a construción de 55 novas vivendas públicas e cedemos solo municipal á Xunta para incrementar o parque residencial público na cidade', indicou a alcaldesa, que fixou como obxectivo 'seguir avanzando nun modelo de cidade que combine crecemento económico, cohesión social e dereito á vivenda'.