A Coruña ábrese á innovación urbana co novo Centro de Excelencia e Oficina do Dato

A alcaldesa, Inés Rey, presentou o Centro de Excelencia e Oficina do Dato (CEOD), un novo espazo que se incorpora á rede nacional pionera do proxecto EDINT – Espazos de Datos para as Infraestruturas Urbanas Intelixentes, liderado pola FEMP e financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, en colaboración co Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública a través de Red.es. Rey salientou que se trata dunha oportunidade para avanzar cara a unha xestión municipal máis intelixente e colaborativa, na que os datos se convertan en beneficios reais para a cidadanía.
O CEOD actuará como laboratorio local de innovación para a análise e posta en común de datos urbanos co fin de xerar solucións en tres ámbitos prioritarios: mobilidade intelixente —transporte sostible e planificación eficiente—; xestión de recursos e servizos públicos —eficiencia enerxética e ambiental—; e competitividade local —impulso empresarial e emprego cualificado—.
Coa súa apertura, A Coruña súmase á rede de 12 entidades locais pioneiras que lideran a transformación dixital desde a economía do dato. O proxecto EDINT mobiliza case 13 millóns de euros e suma xa 36 empresas comprometidas coa súa participación, integradas nun ecosistema de colaboración para desenvolver solucións baseadas en datos e orientadas ás persoas.