A Coruña abre o prazo para que nenos e nenas participen como figurantes na Cabalgata de Reis

O Concello da Coruña abriu este martes o prazo para solicitar a participación como figurante na Cabalgata de Reis, que percorrerá as rúas da cidade na tarde do vindeiro 5 de xaneiro. A convocatoria está dirixida a menores que, a 31 de decembro de 2025, teñan entre 7 e 11 anos.
O número máximo de prazas ofertadas é de 220, aínda que a cifra exacta determinarase no momento da adxudicación. Con esta iniciativa, o Goberno de Inés Rey quere implicar de maneira directa aos nenos e nenas da cidade nun dos actos máis agardados do Nadal coruñés.
O prazo de solicitude abriu hoxe martes 9 ás 9.00 horas e rematará o xoves 11 ás 14.00 horas. As inscricións deberán formalizarse unicamente a través do formulario específico que se habilitará na páxina web municipal, que deberán cubrir as persoas interesadas xunto cos seus titores legais.
O 15 de decembro realizarase o sorteo público das prazas e publicarase a listaxe de persoas solicitantes. As prazas asignaranse por sorteo en todas as carrozas municipais e nos trens, agás un deles, que terá carácter solidario. As crianzas seleccionadas repartiránse entre os diferentes vehículos, incluídas as carrozas das súas maxestades Melchor, Gaspar e Baltasar.
O Concello remitirá por correo electrónico todas as instrucións ás familias das persoas agraciadas, así como a información sobre a documentación que deberán presentar cando se lles cite para recoller o vestiario, previsto para os días 29 e 30 de decembro na Sala O Túnel.