A Coruña abre o prazo de inscrición para a XXI edición do Concurso de Tapas Picadillo

O Concello da Coruña vén de anunciar a apertura do prazo de inscrición para a XXI edición do Concurso de Tapas Picadillo, a cita gastronómica máis antiga de Galicia e un referente na promoción da hostalaría local. O evento celebrarase entre o 18 e o 28 de decembro, coincidindo co período de Nadal e contribuíndo á dinamización da cidade durante estas datas.
A alcaldesa, Inés Rey, salientou a relevancia deste certame “para apoiar o sector hostaleiro e reforzar a oferta turística e cultural da cidade, promovendo ao mesmo tempo o uso de produtos galegos e de proximidade nun formato atractivo para o público”.
O prazo de inscrición permanecerá aberto desde o 26 de novembro ata as 23.59 horas do 5 de decembro. A participación será gratuíta e deberá formalizarse a través do formulario dispoñible na web oficial.
O concurso desenvolverase en dúas categorías principais: Tapa Creativa, destinada a propostas innovadoras tanto na técnica coma na concepción culinaria; e Tapa Receitario Picadillo, dirixida a elaboracións baseadas nas receitas tradicionais galegas incluídas na obra La cocina práctica do gastrónomo coruñés Picadillo.
As tapas deberán elaborarse de forma artesanal, priorizando produtos galegos con indicación xeográfica protexida ou de quilómetro cero. O certame tamén fomentará a presenza de opcións aptas para persoas celíacas, veganas ou vexetarianas, garantindo as condicións de seguridade alimentaria. O prezo de venda ao público situarase entre os 3 e os 5 euros.
Establécense tres recoñecementos principais: Mellor Tapa Creativa, Mellor Tapa Receitario Picadillo e Mellor Tapa por Votación Popular, cada un deles acompañado dun premio en metálico de 1.000 euros e dun diploma acreditativo.
As persoas participantes deberán enviar unha fotografía da tapa en formato JPG, sobre fondo branco e sen retoque externo, cun tamaño mínimo de 1024x1024 px, que será empregada nos materiais de difusión do certame.