A Copa Galicia de Baloncesto regresa á Coruña 19 anos despois

ACoruñaXa
A cidade acollerá os días 5 e 6 de setembro aos catro grandes clubs galegos nunha cita de alto nivel no Coliseum
A CORUÑA copa basket 19 anos
15 Aug 2025

A Coruña volverá ser escenario da Copa Galicia de Baloncesto case dúas décadas despois da súa última edición na cidade. Os días 5 e 6 de setembro, o Coliseum reunirá ao Breogán, Obradoiro CAB, Club Ourense Baloncesto e Básquet Coruña, nun evento organizado pola Federación Galega de Baloncesto co apoio do Concello e do IMCE.

A alcaldesa, Inés Rey, destacou que esta cita “reúne á elite do noso baloncesto” e supón tamén unha oportunidade para dinamizar o comercio e a hostalaría local. Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, subliñou que servirá para amosar, unha vez máis, a capacidade da Coruña para acoller competicións deportivas de máximo nivel.

O Básquet Coruña aproveitará o torneo para presentar o seu novo equipo diante da súa afección. Ademais, o Concello aprobou manter a achega de 150.000 euros ao club, malia o seu descenso á Primeira FEB, reafirmando o compromiso municipal coa súa continuidade e co obxectivo de regresar á elite nacional.

O xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta, Roberto García, resaltou que a Copa Galicia é “unha demostración da forza e a calidade” do baloncesto galego, lembrando que Galicia conta cunha cifra récord de 17.000 licenzas e logros destacados como a final europea feminina do Baxi Ferrol este ano.

⚙ Configurar cookies
0.20364594459534