A cooperación coruñesa mobiliza preto de 470.000 euros en 26 proxectos solidarios polo mundo

ACoruñaXa
A Deputación da Coruña publica a concesión provisional das axudas para 2026, que permitirán financiar actuacións de cooperación internacional, equipamentos e infraestruturas en países como Costa de Marfil, Guinea Bissau, India, Perú ou Guatemala
Pleno do 22 d enovembro da Diputación da Coruña
10 Mar 2026

A solidariedade impulsada desde a provincia da Coruña volverá ter proxección internacional este ano a través de 26 proxectos de cooperación ao desenvolvemento que contarán cun apoio público de 469.561,70 euros. A Deputación da Coruña publicou este 9 de marzo no Boletín Oficial da Provincia a concesión provisional destas axudas, dirixidas a entidades sen ánimo de lucro da provincia que traballan en iniciativas de mellora das condicións de vida en diferentes territorios do mundo.

A convocatoria estrutúrase en dúas grandes liñas. A primeira delas está orientada ao cofinanciamento de actividades de cooperación, axuda humanitaria, sensibilización social, educación para o desenvolvemento e comercio xusto. Neste apartado foron propostas provisionalmente como beneficiarias 16 entidades, cun importe total de 217.172,54 euros.

A segunda liña céntrase nos investimentos en cooperación ao desenvolvemento e conta cun orzamento de 252.389,16 euros, repartido entre 10 organizacións. Estas achegas destinaranse á construción ou mellora de infraestruturas, á adquisición de equipamentos e a outras actuacións estruturais nos territorios onde se executarán os proxectos.

Entre os países beneficiarios figuran Costa de Marfil, Guinea Bissau, India, Perú ou Guatemala, entre outros destinos nos que as entidades desenvolverán actuacións vinculadas á mellora de servizos básicos, ao reforzo das comunidades locais e á promoción de iniciativas sostibles.

A Deputación enmarca estas axudas no seu compromiso coa cooperación internacional, coa solidariedade global e coa Axenda 2030. Os proxectos subvencionados deberán integrar no seu deseño e execución prioridades transversais como a erradicación da pobreza multidimensional, a igualdade de xénero, a defensa da sustentabilidade ambiental, a loita contra o cambio climático e o enfoque baseado nos dereitos humanos.

Tamén se terán en conta cuestións como o respecto pola diversidade cultural, a promoción da interculturalidade e o fortalecemento da sociedade civil, en liña co V Plan Director da Cooperación Galega 2023-2026 e coa planificación autonómica e estatal nesta materia.

No apartado de investimentos, as axudas provisionais repártense entre entidades como Arquitectura Sin Fronteras España, Solidariedade Internacional de Galicia, Remar Galicia ou Fundación Summa Humanitate. No programa de actividades figuran, entre outras, Médicos del Mundo, Asamblea de Cooperación por la Paz, Infancia Solidaria, Camina Nepal ou Fundación Tierra de Hombres España.

Con esta convocatoria, a institución provincial reforza unha liña de apoio que busca levar a solidariedade coruñesa máis alá das súas fronteiras e contribuír, a través de entidades da provincia, á defensa dos dereitos humanos e ao desenvolvemento sostible en distintos puntos do planeta.

0.12320804595947