A Consellería do Mar asina un convenio de colaboración coa Federación de Confrarías da Coruña

ACoruñaXa
A achega de 125.000 euros irá á cobertura dos gastos derivados da actividade da entidade ao longo de 2025
20250205VillaresConvenioFederaciónCoruña-(1)
5 Feb 2025

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e o presidente da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores da Coruña, Daniel Formoso, asinaron un convenio de colaboración que permitirá destinar 125.000 euros á cobertura dos gastos derivados da actividade da entidade ao longo de 2025. Esta achega, procedente da Consellería do Mar, supón un incremento do 12,6 % respecto ao ano anterior e reforza o compromiso da Xunta de Galicia co sector pesqueiro da provincia.

Durante o acto de sinatura, Villares destacou o papel fundamental da federación como representante das 35 confrarías da provincia, que agrupan máis de 5.000 afiliados e 2.650 embarcacións. O titular de Mar puxo en valor a súa función como interlocutora clave na defensa dos intereses dos profesionais do mar e reafirmou a vontade da Xunta de seguir traballando de forma coordinada co sector para mellorar as condicións de traballo das mulleres e homes que dependen da actividade pesqueira.

O representante do Executivo galego agradeceu a boa disposición da federación para colaborar na implementación de políticas públicas en apoio ao sector. Con este convenio, a Xunta dá continuidade á colaboración mantida nos últimos anos e fortalece o respaldo económico ás confrarías, garantindo a viabilidade das súas actividades e a representación do sector pesqueiro ante os retos futuros.

0.092962026596069