A Confraría da Coruña traslada á Xunta as necesidades do sector pesqueiro e marisqueiro

A actividade do mar na cidade volveu á mesa de traballo institucional. A Confraría da Coruña mantivo un encontro con representantes da Xunta para facer balance do momento que atravesa o sector pesqueiro local e poñer sobre a mesa as principais demandas da entidade, tanto no ámbito da pesca como do marisqueo.
Na reunión participaron o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez. Segundo informou o Goberno galego, a xuntanza serviu para intercambiar impresións sobre as necesidades actuais da confraría e analizar posibles liñas de colaboración en proxectos de carácter estratéxico orientados a reforzar a competitividade e a sustentabilidade da actividade.
A Xunta indicou, ademais, que a intención é manter unha interlocución continuada coas entidades representativas do sector, co obxectivo de avanzar nun modelo de xestión baseado no diálogo e na cooperación directa cos profesionais do mar.