A concelleira Noelia Martínez Canosa propón crear en Arteixo unha área municipal para autocaravanas

ACoruñaXa
A moción inclúe a redacción dunha ordenanza municipal que regule o estacionamento e a pernocta deste tipo de vehículos
Fotografía da Casa do Concello de Arteixo
30 Jul 2025

A concelleira arteixá Noelia Martínez Canosa presentou unha moción para o pleno ordinario de xullo na que propón a creación dunha área específica para autocaravanas, campers e caravanas no municipio, así como a redacción dunha ordenanza municipal que regule o estacionamento e a pernocta deste tipo de vehículos.

Segundo sinala a propia concelleira, “a crecente chegada de autocaravanas a todos os lugares da comarca, entre eles o noso municipio, especialmente en tempada estival e durante os festivos, está a provocar problemas relacionados co estacionamento descontrolado e o uso inapropiado de espazos públicos. Esta situación afecta tanto a imaxe do concello como á calidade de vida dos seus habitantes”.

A proposta inclúe a dotación desta área con servizos pensados para os usuarios, como zonas de baleirado e enchido de augas, barbacoas, merendeiros, lavandería ou duchas. Martínez Canosa defende que “o noso municipio dispón de zonas onde se podería situar está area para autocaravanas, vehículos tipo camper e caravanas; e onde os usuarios poderían desfrutar dun destino ideal para as súas vacacións”.

A iniciativa busca tamén garantir unha xestión sustentable do turismo itinerante en Arteixo. “Consideramos que é necesario regular o turismo itinerante en Arteixo, seguindo exemplos doutros concellos, xa que isto permitirá fomentar un turismo sustentábel e de calidade, ao tempo que se protexe o entorno natural e se contribúe ao desenvolvemento económico do municipio”, engade a edil.

Xunto á solicitude da creación da área, a moción reclama a elaboración dunha ordenanza que estableza normas claras sobre o estacionamento e a pernocta destes vehículos tanto na futura área como no resto do termo municipal. “A ordenanza establecería normas claras para reducir o impacto ambiental e urbano desta actividade”, afirma Martínez Canosa, quen subliña que a súa aprobación “non só melloraría a experiencia das persoas que practican este tipo de turismo, senón que tamén solucionaría moitas queixas veciñais que se veñen dando nos últimos anos”.

A finalidade da moción, conclúe a concelleira, é “fomentar o desenvolvemento turístico no noso municipio, especialmente coa promoción de espazos de uso público para autocaravanas cumprindo unha normativa regulada cunha ordenanza municipal”.

⚙ Configurar cookies
0.19707083702087