A concelleira do BNG Avia Veira leva a Bruxelas a emerxencia habitacional que sofre A Coruña

ACoruñaXa
A edil nacionalista sinalou como causa desta problemática a falta de políticas públicas efectivas en materia de vivenda
bng-parlamento
12 Jun 2025

A concelleira do BNG na Coruña, Avia Veira, participou en Bruxelas nas xornadas sobre a crise habitacional que afecta a todo o continente, organizadas polo grupo da Alianza Libre Europea no Parlamento Europeo, onde está integrado o Bloque Nacionalista Galego. A iniciativa está coordinada pola eurodeputada galega Ana Miranda.

Durante a súa intervención, Veira expuxo a grave situación que vive A Coruña en materia de acceso á vivenda, cualificándoa de “emerxencia habitacional”. Segundo indicou, os prezos do alugueiro aumentaron arredor dun 68 % na última década, o que impide á maioría da poboación acceder a unha vivenda, tanto en réxime de aluguer como de compra.

A edil nacionalista sinalou como principal causa desta problemática a falta de políticas públicas efectivas en materia de vivenda. “A Xunta é a principal responsábel desta situación, pois ten atribuídas a maior parte das competencias neste eido”, denunciou.

Veira defendeu a importancia de levar a voz da Coruña ás institucións europeas, nun momento no que se están a deseñar novos instrumentos para facer fronte á crise habitacional desde a UE. “Queremos que as necesidades das coruñesas e dos coruñeses sexan tidas en conta nestas políticas”, insistiu.

A eurodeputada Ana Miranda impulsou recentemente a creación dunha Comisión de Vivenda na Eurocámara, centrada na promoción de solucións habitacionais públicas e accesibles. Para Veira, é esencial dar visibilidade á realidade de cidades como A Coruña e de territorios como Galicia, onde a porcentaxe de vivenda pública é “case anecdótica”.

“Ese é o cerne do noso problema e a súa resolución, a nosa principal demanda”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.17156600952148