A comunidade educativa e veciñanza de Oleiros convocan concentracións diante de todos os colexios o 20 de novembro

A comunidade educativa de Oleiros sairá á rúa este xoves 20 de novembro, coincidindo co Día Mundial da Infancia, para reclamar máis medios no ensino público. Todas as ANPA do municipio convocan concentracións simultáneas diante de cada colexio ás 8.40 horas, nunha mobilización que conta co apoio expreso do Concello de Oleiros.
Segundo explica o Goberno local, trátase de visibilizar a situación que, ao seu xuízo, viven distintos centros educativos da localidade por falta de persoal docente e de apoio. As familias están chamadas a acudir con roupa negra, como símbolo do desamparo que, denuncian, sofren as escolas e que, na súa opinión, compromete a calidade da educación pública.
Entre as principais carencias que sinalan as ANPA figuran a falta de profesorado de pedagoxía terapéutica e de audición e linguaxe, a insuficiencia de mestres titores e de reforzo nas aulas, así como a eliminación de proxectos que consideran de grande interese educativo, cultural e comunitario. Durante este curso, os recortes máis significativos prodúcense nos colexios Valle Inclán e Juana de Vega, aínda que as asociacións lembran que a situación podería afectar a calquera outro centro.
O Concello de Oleiros lembra que a defensa dun ensino público de calidade é unha das liñas constantes da súa acción política e responsabiliza á Xunta de Galicia, administración competente en materia educativa, de atender as demandas de profesorado e recursos. Familias, profesorado, veciñanza e representantes municipais están chamados a participar nas concentracións.
Na convocatoria tomaron a iniciativa as ANPA dos colexios Valle Inclán, Juana de Vega, Luis Seoane, Rabadeira e Parga Pondal, ás que se sumaron o resto de asociacións de nais e pais do municipio.