A comunidade educativa do CEIP Rosalía de Castro mobilízase pola avaría do ascensor e as filtracións no centro

ACoruñaXa
A comunidade educativa realizou unha concentración con cortes simbólicos de tráfico en Os Mallos e anuncia que se sumará á manifestación provincial do 28 de febreiro, convocada por máis de 200 ANPAs
A CORUÑA ceip rosalia de castro manifestacion
21 Feb 2026

A comunidade educativa do CEIP Rosalía de Castro mobilizouse esta semana para denunciar o que considera un ‘abandono’ das instalacións e para esixir solucións inmediatas aos problemas de accesibilidade e mantemento. A protesta máis visible tivo lugar na mañá do xoves 19 de febreiro, a partir das 9.00 horas, con cacerolada, asubíos e unha pancarta co lema ‘Un cole accesíbel é indiscutíbel’. Durante uns minutos, nais, pais, alumnado e profesorado fixeron un corte simbólico da rúa Pontedeume e da avenida de Arteixo, nos dous sentidos, para chamar a atención sobre a situación.

O detonante máis recente é a avaría do ascensor, fóra de servizo desde hai semanas e clave para que o alumnado con mobilidade reducida poida moverse con autonomía polo edificio. As familias explican que o elevador leva arredor de tres semanas sen funcionar tras verse afectado polas filtracións de auga e lembran que, ademais, só chegaba até a segunda planta nun inmoble de tres pisos. Para reducir o impacto, o centro tivo que reubicar aulas na planta baixa e habilitar unha aula na biblioteca para o alumnado con dificultades de mobilidade.

A protesta non se limitou ao ascensor. A ANPA e o persoal do colexio alertan de goteiras, humidades e danos derivados dunha cuberta que xa deu problemas en temporais anteriores, así como da falta de ramplas de acceso a algunhas zonas e da ausencia de baños adaptados. Tamén reclaman máis recursos humanos de apoio, ao considerar insuficiente que haxa unha soa auxiliar técnico educativa para atender seis alumnos con necesidades específicas.

Coa mobilización, as familias buscan que Xunta e Concello deixen de lado o cruce de competencias e concreten actuacións e prazos. No calendario inmediato, o ANPA do Rosalía de Castro confirmou que se sumará á manifestación do sábado 28 de febreiro, que partirá ás 11.00 horas da Praza de Ourense e rematará en O Parrote, baixo o lema ‘Por un ensino público digno e de calidade’.

0.084420919418335