A comunidade educativa do CEIP de Prácticas volve saír á rúa para reclamar a reforma integral do colexio

A comunidade educativa do CEIP de Prácticas da Coruña volveu mobilizarse este venres para esixir unha reforma integral do centro e unha resposta concreta por parte das administracións implicadas. A protesta arrancou pola mañá desde a praza da Tolerancia, na zona da Náutica, e avanzou cara ao colexio nunha marcha que o ANPA convocara como ‘festiva pero reivindicativa’.
As familias, o profesorado e o alumnado sosteñen que a situación apenas mudou desde que comezaron as mobilizacións hai aproximadamente un ano. ‘Un ano despois está igual, non hai resposta’, resumiu Cristina Novoa, en representación da ANPA, apuntando á responsabilidade compartida do Concello, a Xunta e a Universidade da Coruña (UDC), propietaria do inmoble e que ten cedido o espazo á administración autonómica nun marco que, segundo denuncian, leva caducado desde 2022.
A reivindicación céntrase en que se concrete, dunha vez, a reforma integral anunciada. As familias lembran que en xaneiro se trasladou un compromiso de rehabilitación, pero aseguran que desde entón non recibiron información sobre o proxecto nin sobre un calendario real de actuacións. Ademais, advirten de que nos orzamentos autonómicos para 2026 non ven reflectida unha partida específica para o seu centro.
A comunidade educativa tamén critica que, polo de agora, as únicas intervencións visibles se limitaron a actuacións puntuais de mantemento, insuficientes para frear un deterioro que consideran evidente. ‘Necesitamos feitos, cousas por escrito e prazos’, reclaman desde o ANPA, que xa advertiu noutras ocasións que manterán as mobilizacións ata obter unha resposta oficial con orzamento e datas de inicio das obras.
Estas mobilizacións veñen repetíndose nas últimas semanas coincidindo co horario de entrada ao colexio, e forman parte dunha campaña continuada co lema dunha ‘escola segura e digna’, coa que as familias buscan que o estado do edificio deixe de ser un problema estrutural sen solución.