A comunidade educativa de Teixeiro volve á rúa para reclamar a reforma e ampliación do CEIP

A ANPA A Froula, do CEIP de Teixeiro (Curtis), chamou a mobilizarse de novo á comunidade educativa o mércores 11 de febreiro cunha manifestación ás 9.05 horas. A marcha sairá da praza e rematará no propio centro escolar, co obxectivo de reclamar ‘un compromiso en firme’ da Consellería de Educación para reformar e ampliar o colexio.
No cartel da convocatoria, as familias denuncian carencias que afectan ao día a día do alumnado: falta de espazos (aulas para música e informática, salón de actos e unha sala de mestres dimensionada), un comedor ‘digno’ e actuacións de fondo para evitar ‘frío, goteiras e remendos’, ademais de melloras de illamento térmico e accesibilidade universal.
A protesta chega despois doutras accións reivindicativas impulsadas pola comunidade educativa nos últimos meses para pedir unha intervención integral no edificio. En paralelo, o Concello de Curtis xa trasladara a súa intención de urxir á Xunta a ampliación do centro e de poñer a disposición da administración autonómica os terreos anexos necesarios para executar a obra, así como solicitar a redacción do proxecto técnico, incluíndo melloras no illamento.