A comunidade educativa de Oleiros mobilízase en defensa dun ensino público inclusivo e de calidade

ACoruñaXa
ANPAS, profesorado, familias e Concello participaron en concentracións diante dos colexios para denunciar a falta de persoal e recursos que depende da Xunta de Galicia
OLEIROS concentracions coles
20 Nov 2025

A defensa dun ensino público forte e de calidade volveu ocupar o primeiro plano en Oleiros. Coincidindo co Día Mundial da Infancia, a comunidade educativa e a veciñanza concentráronse a primeira hora da mañá diante dos colexios públicos do municipio para reivindicar unha educación pública, inclusiva e de calidade para todas as crianzas.

As ANPAS e o profesorado sinalan directamente á Xunta de Galicia, administración competente en materia educativa, por non atender as súas peticións de máis persoal. Denuncian que a insuficiente dotación de profesionais está a deixar centros con importantes carencias á hora de garantir unha escola realmente inclusiva para todos os nenos e nenas.

As mobilizacións desenvolvéronse nos colexios de Santa Cruz, Canide, Oleiros, Perillo e Nós e contaron co apoio explícito do goberno local. As persoas participantes vestiron de negro para visibilizar o que consideran un grave desamparo das escolas públicas, que ven comprometida a calidade do ensino pola falta de profesorado de pedagoxía terapéutica (PT) e de audición e linguaxe (AL), pola escaseza de mestres titores e de reforzo nas aulas e pola supresión de proxectos de gran valor educativo, cultural e comunitario.

Segundo se indicou nas concentracións, os recortes máis acusados rexístranse nos centros Valle Inclán e Juana de Vega, aínda que poderían afectar a calquera outro colexio. Familias, profesionais da docencia, veciñanza e Concello aseguran que seguirán unindo forzas e participando activamente nestas accións en defensa dunha escola pública de alta calidade.

A iniciativa das concentracións partiu das ANPAS dos colexios Valle Inclán, Juana de Vega, Luis Seoane, Rabadeira e Parga Pondal, que chaman a manter a mobilización mentres non se dean respostas ás demandas de persoal e recursos.

⚙ Configurar cookies
0.073300123214722