A compañía Amper impulsa investimentos estratéxicos na provincia da Coruña

ACoruñaXa
Entre os investimentos destaca o centrado nos sistemas de almacenamento de enerxía en baterías no polígono de Morás, en Arteixo
Ceo-Amper-3-
11 Mar 2025

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, recibiu no seu despacho ao conselleiro delegado do Grupo Amper, Enrique López, para analizar o avance dos investimentos que a compañía está realizando nos portos exteriores da Coruña e Ferrol. Os proxectos, centrados na eólica mariña offshore e en sistemas de almacenamento de enerxía en baterías, supoñen unha aposta estratéxica para o desenvolvemento industrial e tecnolóxico da provincia.

Formoso destacou “a importante aposta de Amper por Galicia e, concretamente, pola provincia da Coruña”, con investimentos en Arteixo e Ferrol que superan os 80 millóns de euros e que permitirán a creación de máis de 1.000 empregos directos. “Falamos de investimentos millonarios dunha empresa líder con forte presenza internacional que reforzarán a nosa industria e consolidarán o papel de Galicia no eido das enerxías renovables”, sinalou o presidente da Deputación. Tamén subliñou que estas inversións representan unha oportunidade para o talento galego, especialmente para a mocidade que se forma nos centros universitarios e de formación profesional.

Pola súa banda, Enrique López destacou que “a provincia da Coruña é actualmente o territorio onde Amper está a realizar o maior volume de investimentos e de creación de emprego”. Ademais, detallou os proxectos que a empresa está a desenvolver na zona.

Un dos proxectos clave é o relacionado coa eólica mariña offshore, que xa comezou no porto exterior de Ferrol. Outro dos investimentos destacados está centrado nos sistemas de almacenamento de enerxía en baterías, que se está a desenvolver no polígono de Morás, en Arteixo. Neste caso, a inversión ascende a 20 millóns de euros e xerará ao redor de 300 empregos directos e 600 indirectos, contando cunha rede de máis de 120 provedores galegos.

López salientou ademais que estes proxectos complementan outras iniciativas xa en marcha, como a compra das antigas instalacións de Siemens-Gamesa en As Somozas, onde Amper está a adaptar as infraestruturas para a produción de compoñentes para eólica mariña e velas ríxidas. Esta última tecnoloxía, que a empresa está a introducir en Galicia, busca optimizar as emisións dos buques transoceánicos. En canto á creación de emprego, Enrique López coincidiu con Formoso na necesidade de fomentar perfís profesionais axeitados para estas iniciativas. “En As Somozas xa contamos con 60 mozos e mozas de Formación Profesional Dual que están a completar a súa preparación co obxectivo de incorporarse ás nosas instalacións”, sinalou o CEO de Amper.

O Grupo Amper, cunha traxectoria de máis de 65 anos e presenza nos mercados internacionais, é unha empresa líder en capacidades tecnolóxicas, industriais estratéxicas e de enxeñaría nos sectores de Defensa, Seguridade e Comunicacións, así como en Enerxía e Sustentabilidade. Con estes novos investimentos, a compañía reafirma o seu compromiso co desenvolvemento industrial e tecnolóxico de Galicia.

 

⚙ Configurar cookies
0.38452386856079