A comisión de seguimento de La Cros en Culleredo xera diferenzas entre goberno local e PP

O proceso de cesión das naves de La Cros ao CETIM continúa rodeado de debate político. Ademais das condicións esixidas polo Partido Popular para apoiar a operación, a composición da futura comisión de seguimento abriu un novo foco de discrepancia entre o goberno local e a oposición.
O alcalde, José Ramón Rioboo, propón un órgano mixto no que estean representados tanto os grupos municipais como técnicos do concello e mesmo un representante do propio CETIM. O obxectivo, segundo o executivo, é dotar de maior rigor e transparencia o control do convenio, apoiándose en criterios profesionais que garantan unha análise máis completa.
Pola súa banda, o PP rexeita esa fórmula e defende que a comisión estea integrada exclusivamente por concelleiros, entendendo que se trata dun espazo político no que deben ser os grupos municipais os que teñan a responsabilidade plena da supervisión. A portavoz popular, Izaskun García, recalca que “un ben municipal de tanto valor debe estar sometido a un control directo da corporación, sen diluír competencias”.
Esta discusión súmase ás demandas que os populares xa fixeron públicas semanas atrás: limitar a concesión a 30 anos con revisión real antes de unha posible prórroga, reservar unha das naves para uso exclusivamente municipal, establecer un canon anual destinado ao tecido asociativo e garantir a participación do Concello no patronato do CETIM.
O goberno local lembra que fórmulas similares de comisións mixtas existen noutras administracións e insiste en que o papel do CETIM sería meramente informativo, sen capacidade de decisión. Con todo, recoñece que o regulamento definitivo debe ser debatido e aprobado na xunta de portavoces.
Ambas partes coinciden en que o proxecto de La Cros é estratéxico para Culleredo, pero discrepan nos mecanismos de control e nas garantías que deben acompañar a cesión. As negociacións seguirán nas vindeiras semanas para intentar acadar un consenso que permita desbloquear a operación.