A Comisión de Honras aproba por unanimidade nomear a Rosa Otero, Filla Adoptiva da cidade

ACoruñaXa
O órgano tamén deu o visto bo ao nomeamento de Ramón Núñez Centella como Fillo Predilecto da cidade
rosa-otero-corunha
10 Mar 2025

A Comisión de Honras e Distincións do Concello da Coruña, reunida baixo a presidencia do concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, aprobou por unanimidade a proposta da alcaldesa, Inés Rey, de nomear a Rosa Otero, presidenta da Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios, como Filla Adoptiva da cidade. Ademais, o órgano tamén deu o visto bo ao nomeamento de Ramón Núñez Centella, impulsor dos Museos Científicos Coruñeses, como Fillo Predilecto da cidade.

Gonzalo Castro destacou o traballo de Rosa Otero, resaltando o seu papel destacado na cidade e os avances que impulsou en prol da igualdade. "Rosa Otero foi a primeira muller en acadar este título, e queremos recoñecer o seu traballo incansable pola igualdade na nosa cidade", afirmou Castro.

En canto a Ramón Núñez Centella, o concelleiro resaltou a súa dedicación á divulgación científica e a súa influencia no ámbito dos Museos Científicos Coruñeses. "Moncho xa é unha persoa recoñecida internacionalmente polo seu importante papel á fronte dos nosos Museos e agora o Concello súmalle este distintivo polo seu traballo, moitas veces invisible cara á cidadanía", sinalou. Ambos nomeamentos serán debatidos no vindeiro pleno ordinario, que se celebrará o xoves 13 de marzo.

Rosa Otero Graña naceu en Santiago en 1940 e desenvolveu unha ampla traxectoria no ámbito social. Ademais de ser presidenta da Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios, tamén lidera a Asociación Antidroga Antonio Noche, loitando durante anos contra a drogadicción.

Por outra banda, Ramón Núñez Centella, nacido na Coruña en 1946, foi o gran impulsor dos Museos Científicos Coruñeses, convertendo á cidade nun referente internacional en divulgación científica, un modelo que segue plenamente vixente e que continúa a recibir recoñecementos a nivel mundial.

⚙ Configurar cookies
0.39823412895203