A Comisión de Festas de Bragade anuncia 'aforo completo' para o cocido do 7 de febreiro

A Comisión de Festas de Bragade comunicou que xa está completo o aforo do 'Gran Cocido' previsto para o sábado 7 de febreiro no Monte Medela, en Cesuras, polo que queda pechado o prazo de inscrición e non se admiten novas reservas.
O evento, promovido pola comisión no marco da súa programación anual, manterá a súa celebración tal e como estaba anunciada, cunha xornada festiva que arrancará ás 13.00 horas e que contará con sesión vermú e tardeo amenizado por Aixa Romay. Desde a organización tamén lembran o chamamento a acudir disfrazados e a prolongar a festa 'ata que o corpo aguante'.
A actividade desenvolverase no termo municipal do Concello de Oza-Cesuras, e desde a comisión agradecen a resposta da veciñanza e o interese xerado, que permitiu completar todas as prazas dispoñibles con antelación.